Netflix e Prime Video lideran o streaming en España

mércores, 29 de novembro do 2023 Marcus Fernández

A consultora Barlovento Comunicación vén de publicar a terceira onda do seu barómetro sobre o mercado da televisión de pagamento e as OTT en España, así como das tendencias máis destacadas no streaming, para o que realizaron milleiros de entrevistas a través dun cuestionario ad hoc sobre un papel en liña cunha captación de mostras de rigorosa representatividade estatística por sexo, idade e zona xeográfica.
Os datos que se desprenden deste barómetro son bastante interesantes, xa que indica un pequeno descenso no número de usuarios de OTT (as plataformas audiovisuais que non dependen de operadores de telecomunicacións para a súa distribución, xa que retransmiten os contidos a través da Internet), quedando en 29 millóns, o que parece unha consecuencia directa da suba de prezo das distintas plataformas.
Por segunda vez Prime Video cun 53% consegue superar en penetración nos fogares a Amazon (46,1%), pese a que Netflix mantén o seu liderado en cota de pantalla, facéndose co 26,2% do consumo da OTT (sendo o seu contido máis visto a serie Lupin, que tería superado os 5,1 millóns de usuarios únicos). Disney+ destaca cunha forte penetración do 31%, mentres que HBO Max queda nun modesto 23,5% e Movistar+ só consegue coarse no 16,3% dos fogares. Destaca o feito de que Disney+ sube 2,3 puntos, mentres que Netflix cae 5,5 puntos (atribuíndose o 41,2% dos 1,6 millóns de usuarios perdidos ás medidas contra a compartición de contas). Tamén salientan o feito de que a combinación máis frecuente de plataformas de pagamento é Netflix con Prime Video, presente no 31,9% dos usuarios o que serían uns 11,9 millóns.
No que respecta á emerxencia dos plans básicos con publicidade, que parecen ser unha fórmula cada vez máis popular globalmente, sorprende detectar o seu rexeitamento social, pois dous de cada tres usuarios de OTT non aceptaría a publicidade pese a que iso supoña unha redución da tarifa. Resulta especialmente importante sinalar que o 40,9% dos usuarios recoñecer ter subscrito unha plataforma para ver un contido en concreto.
Tamén cómpre salientar que o 42,8% dos españois empregan o televisor para ver vídeos de YouTube, e as plataformas de vídeo de balde tamén están a ter unha importante penetración, lideradas por RTVE Play (21,7%), á que segue ATRESplayer (21,5%), Pluto TV (10,9%), Mitele (10,7%) e 3Cat (6,9%).
Outro dato curioso sería que 6 de cada 10 españois recoñecen utilizar o móbil mentres ve a televisión, confirmando o fenómeno da dobre pantalla.

PUBLICIDADE