Netflix mellora as condicións da súa oferta de adquisión pola Warner

martes, 20 de xaneiro do 2026 Redacción

Netflix e Warner Bros. Discovery anunciaron unha modificación do seu acordo definitivo para converter a operación de adquisición nunha transacción integramente en efectivo, un cambio que pretende achegar maior certeza de valor aos accionistas de Warner Bros. Discovery e acelerar o calendario de aprobación da operación.
Segundo explicaron ambas compañías, a operación mantén o prezo acordado de 27,75 dólares por acción de Warner Bros. Discovery, ao que se sumará o valor adicional das accións de Discovery Global, a nova sociedade que resultará da separación previa dos negocios do grupo. A financiación realizarase mediante unha combinación de caixa dispoñible, liñas de crédito existentes e financiamento comprometido.
O novo deseño da transacción elimina a variabilidade asociada aos mercados e permite un camiño máis rápido cara á votación dos accionistas de Warner Bros. Discovery, prevista agora para abril de 2026. Con ese obxectivo, a compañía presentou xa ante a Comisión de Bolsa e Valores dos EE.UU. unha declaración preliminar de representación.
Os directivos das dúas empresas destacaron que o paso a unha operación en efectivo reforza a seguridade financeira do acordo e subliña a fortaleza do fluxo de caixa de Netflix. Desde Warner Bros. Discovery, o seu conselleiro delegado, David Zaslav, sinalou que a combinación permitiría preservar e ampliar o legado creativo do estudo ao longo das vindeiras xeracións. Pola súa banda, os co-conselleiros delegados de Netflix, Ted Sarandos e Greg Peters, subliñaron que a operación é favorable para consumidores, creadores e para o conxunto da industria audiovisual, ademais de impulsar o investimento en produción nos EE.UU.
Tal e como xa se anunciara con anterioridade, Warner Bros. Discovery levará a cabo a separación do grupo en dúas empresas cotizadas, Warner Bros. e Discovery Global, un proceso que se prevé completar nun prazo de seis a nove meses antes do peche definitivo da adquisición. A operación conta coa aprobación unánime dos consellos de administración de ambas compañías, aínda que segue suxeita ás autorizacións reguladoras correspondentes e ao voto favorable dos accionistas.
Netflix e Warner Bros. Discovery confirmaron que xa presentaron a documentación necesaria ante as autoridades de competencia, incluídas as dos EE.UU. e da Unión Europea, e reiteraron o seu compromiso de colaborar cos reguladores para culminar a transacción, cuxo peche definitivo continúa previsto nun horizonte de 12 a 18 meses desde a sinatura inicial do acordo.