NieR: Automata chega a Xbox Game Pass esta semana

luns, 30 de marzo do 2020 Marcus Fernández

En 2017 causou furor en PS4 e PC o xogo NieR: Automata, que en 2018 chegaría a Xbox One nunha edición que incluía todos os contidos adicionais que foron incorporándose ao xogo, e que esta mesma semana incorporarase ao catálogo de xogos de Xbox Game Pass, de xeito que moitos xogadores poderán darlle unha oportunidade a este título que vén de superar os 4,5 millóns de copias servidas mundialmente.
Pero a incorporación de NieR: Automata ao Game Pass o vindeiro xoves non parece casual, xa que esta xogada podería pretender captar a atención cara a esta franquía de cara ao lanzamento futuro de NieR Replicant ver.1.22474487139, unha versión actualizada da primeira entrega desta saga de rol de acción cunha identidade tan especial.
O primeiro NieR lanzouse orixinalmente para PS3 e Xbox 360 en 2010 por parte de Square Enix, pero pasou desapercibido fóra do Xapón, polo que o seu décimo aniversario pode ser unha magnífica ocasión para recuperalo, adaptándoo ás máquinas actuais. Tampouco sería de sorprender que a revisión da primeira entrega da saga sexa simplemente un xeito de facer tempo de cara ao lanzamento dunha nova historia, xa en consolas da vindeira xeración.

Vídeo no que dan a coñecer que están a traballar no xogo NieR Replicant ver.1.22474487139

PUBLICIDADE