Nioh figura entre os xogos de PS Plus de novembro

mércores, 30 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Cada vez resulta máis evidente que Sony emprega os xogos que ofrece no servizo PlayStation Plus como estratexia promocional, de aí que non debería sorprendernos que o mesmo día no que anuncian que Nioh 2 sairá á venda o 13 de marzo de 2020 (desenvolvéndose a súa beta aberta entre os días 1 e 10 de novembro) desvelen que entre os xogos de PS Plus de novembro está o primeiro Nioh, desafiante título de loita con espadas que xa forma parte dos PlayStation Hits, polo que podía mercarse a prezo reducido.
O outro xogo de PlayStation 4 que terán os subscritores de PS Plus será Outlast 2, xogo de misterio e supervivencia, onde o protagonista ten que investigar a deteriorada vila de Temple Gate mentres busca á súa esposa, secuestrada por unha seita demente.
Para completar o mes teremos tamén Strikers Edge, unha mestura entre a fantasía medieval e o brilé, que parece máis un xogo móbil que de consola, pero que pode ser un bo complemento para os que queiran botar partidas lixeiras na consola e non ter afondar en xogos complexos como os anteriores.

Strikers Edge é un xogo inspirado no brilé, pero cunha ambientación de fantasía medieval

PUBLICIDADE