Nokia mandará á rúa a 1.700 traballadores
martes, 17 de marzo do 2009
- Interior da sede de Nokia en Spoo, Finlandia
Con crise ou sen ela, os que están arriba sempre corren o risco de caer. Isto é o que semella que lle está a pasar a Nokia, empresa de gran aceptación a nivel internacional no eido da telefonía móbil, afeita a moverse entre grandes cifras e que, contra unha boa parte dos prognósticos xerais, vén de converter o seu futuro a medio e longo prazo na representación máis triste dunha caída empresarial: o despido a esgalla de traballadores. Segundo confirman xornais como La Vanguardia ou El País, a cifra de empregados dos que vai prescindir a multinacional finesa pon de manifesto unha vez máis o precario equilibrio no que se moven unha boa parte das compañías que tocan teito: no caso de Nokia, nin sequera o feito de ter sido durante anos (e aínda a día de hoxe) a principal subministradora de móbiles do mundo puído evitar que finalmente pagasen os pratos esnaquizados os de sempre: os traballadores.
Máis polo miúdo, serán 1.700 os empregados que van ter que deixar a compañía co obxectivo (a xuízo dos directivos) de salvala. A parecer, sinalan, este é o único xeito de recurtar os gastos produtivos e garantir a competitividade da firma ante “a previsible caída de vendas de 2009”.
A multinacional, que tiña até agora nas súas mans máis dun terzo do mercado, vén de advertir un recrudecemento da crise económica e naqueles sectores que nun principio pouco ou nada tiñan que ver con ela, como son os vinculados ás novas tecnoloxías da información e ás telecomunicacións. Por certo que a cifra dada hoxe a coñecer por fontes internas da propia compañía supón a peor das previsións posibles, logo de que Nokia recoñecese en xaneiro que estaba a estudar o despedimento de 850 traballadores. O proceso será especialmente cru en países como Finlandia, onde unhas 700 persoas veranse forzasemente obrigadas a abandoar a empresa.
Tamén se prevé un elevado número de despidos en Estados Unidos e Gran Bretaña.