Nokia presenta o seu móbil Lumia máis económico

martes, 23 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que o vindeiro luns vaia ver a luz o Windows Phone 8, dende Nokia non queren dar ao Windows Phone 7.5/7.8 por perdido e pensan aproveitalo para alimentar a gama máis económica da familia Lumia, como o novo Nokia Lumia 510, terminal móbil que comercializarán con carcasas de cores básicas (vermello, azul ceo, branco, negro e amarelo) por uns 199 dólares (libre) e que en novembro comezará a venderse en India, China, Sudamérica e Asia.
O Nokia Lumia 510 funciona cun procesador Snapdragon S1, 256 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, conectividade 3G, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1 e microUSB. Tamén ten toma de auriculares, un grosor de 11,5 milímetros e un peso de 129 gramos, de xeito que estamos ante un terminal bastante limitado, pero coas prestacións suficientes como para converterse nun dispositivo conectado cunha aparencia atractiva e unha pantalla de bo tamaño, ao que non lle falta GPS para poder gozar de servizos como Nokia Mapas e Nokia Conducir.
Aínda que este novo móbil non permite ampliar a súa capacidade interna mediante tarxetas de memoria, incorpora 7 Gb de almacenamento de balde en SkyDrive, co que pretende suplir tal carencia principalmente para gardar as fotografías que tomemos coa cámara e que así tamén poden compartirse a través da Internet.


Vídeo de presentación do Nokia Lumia 510

PUBLICIDADE