Nokia presentou os seus móbiles con Windows Phone

mércores, 26 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Esta mañá en Londres botou a andar a Nokia World, evento que tiña como principal atractivo a presentación dos primeiros móbiles con Windows Phone de Nokia, aínda que a compañía tamén aproveitouno para dar a coñecer a súa nova liña de terminais Asha.
Os primeiros móbiles de Nokia con Windows Phone estarán dentro da familia Lumia, que comeza cun atractivo e potente Nokia Lumia 800, que virá acompañado dun terminal máis económico, o Nokia Lumia 710, polo que o sistema operativo móbil de Microsoft afastarase do luxo e converterase nunha plataforma asumible para moitos petos (en contraste cos elevados prezos dos móbiles de Apple).
Para un público menos esixente, Nokia presenta os seus móbiles Nokia Asha 300, Asha 303, Asha 200 e Asha 201, que estarían a medio camiño entre os smartphones e os teléfonos básicos, ofrecendo experiencias de teclado QWERTY e pantallas táctiles, e buscando conectar coas redes sociais. Neste caso estariamos ante terminais cun prezo moi axustado, que estarían dirixidos á mocidade e aos mercados emerxentes.

Nokia Lumia 800

O primeiro móbil con Windows Phone da compañía finlandesa, o Nokia Lumia 800, ten un deseño minimalista moi atractivo e con cores vivas (azul ceo, maxenta e negro), ten unha pantalla AMOLED curva de 3,7 polgadas, un procesador Qualcomm MSM8255 a 1,4 GHz con aceleración por hardware e procesador gráfico, 512 Mb de RAM, cámara de 8 Mpíxeles con óptica Carl Zeiss, 16 Gb de memoria interna (xunto con 25 Gb de almacenamento no servizo en liña SkyDrive), batería de 1.450 mAh, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, USB 2.0, microSIM, unhas medidas de 61,2 x 116,5 x 12,1 milímetros, un peso de 142 gramos e un prezo libre de 420 euros, que estaría dispoñible dende o mes de novembro.

Nokia Lumia 710

Para chegar a un público maior, o Nokia Lumia 710 terá un prezo libre de 270 euros, o que non supón unha perda importante de prestacións, xa que este móbil tamén ten unha pantalla de 3,7 polgadas, procesador Qualcomm MSM8255 a 1,4 GHz, 512 Mb de RAM e a meirande parte de prestacións do seu irmán maior, pero reducindo certas características como o seu almacenamento interno (8 Gb), a súa batería (1.300 mAh) e a súa cámara (5 Mpíxeles). Mide 62,4 x 119,0 x 12,5 milímetros, pesa 126 gramos, e comercializarase en 10 combinacións de cores.


Vídeo de presentación dos Nokia Lumia

Nokia Asha

A familia Asha (nome que significa esperanza en hindú) ten como máximo expoñente o Nokia Asha 303, que conta cunha pantalla capacitiva de 2,6 polgadas, teclado QWERTY, procesador a 1 GHz, Wi-Fi N, 3G, cámara de 3,2 Mpíxeles, radio FM... e mesmo aplicacións como Facebook Chat, Whatsapp e o xogo Angry Birds, que chegará no último trimestre do ano a un prezo libr de 115 euros.
Moi semellante tamén é o Nokia Asha 300, que tamén conta con pantalla táctil, pero prescinde do teclado QWERTY, optando por un teclado numérico. O seu prezo de venda libre será de 85 euros.
Para completar esta liña, teriamos por 60 euros os Nokia Asha 201 e Nokia Asha 200, que contan con teclado QWERTY, pantalla de 2,4 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, cámara de 2 Mpíxeles, radio FM, software que abre o terminal ás redes sociais e un diferenza substancial entre ambos terminals: o Nokia Asha 200 soporta dúas tarxetas SIM (polo que entendemos que non chegará ao mercado español, limitándose a súa distribución a mercados emerxentes).


O Nokia Asha 303 en vídeo

PUBLICIDADE