Note 10, un novo smartphone de Honor pensado para gamers

martes, 31 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Mentres o Honor 10 está a conquistar boa parte do mercado coa súa proposta como alternativa económica ao Huawei P20, a marca chinesa filial de Huawei presentou esta mañá o novo Honor Note 10, un terminal que non só destaca pola súa impresionante pantalla AMOLED de 6,95 polgadas, senón tamén por estar equipado con tecnoloxía turbo dual, ou sexa, modos acelerados de CPU e GPU que buscan así un maior rendemento en xogos, para o que tiveron que incorporar The Nine, unha solución de refrixeración semellante á dun ordenador. Este Note 10 tamén conta cunha masiva batería de 5.000 mAh, buscando así atender a alta demanda de carga ao empregar videoxogos en mobilidade.
Este novo teléfono sairá á venda en China a un prezo de 2.799 iuans (351 euros) no seu modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, 3.199 iauns (402 euros) ampliando o almacenamento a 128 GB e, finalmente, 3.599 iens (452 euros) para o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento. Uns prezos bastante atractivos para móbiles equipados cun procesador Kirin 970, cámara traseira dual de 24 Mpíxeles monocromo e 16 Mpíxeles en cor con apertura f/1.8, cámara dianteira de 13 Mpíxeles con apertura f/2.0, NFC, un grosor de 7,65 milímetros e un peso de 230 gramos, que aínda que estea orientado a gamers tamén resultará atractivo para os seareiros de móbiles de grande tamaño e boa autonomía. Chega ás tendas chinesas mañá mesmo, mentres que a España tamén debería chegar en poucas semanas.

O Note 10 conta cun sistema de refrixeración semellante ao dos ordenadores

PUBLICIDADE