Nova cámara somerxible de Samsung

luns, 25 de abril do 2011 Marcus Fernández

A tempo para o verán, Samsung presenta a nova cámara de peto W200, deseñada para captar imaxes en condicións duras e baixo a auga valéndose do seu sensor CMOS de 5,5 Mpíxeles e dun corpo reforzado para soportar po, caídas e auga.
A Samsung W200 pode gravar vídeo de alta calidade (1.920 x 1.080 píxeles a 30 imaxes por segundo) en multitude de situacións, sendo capaz de operar na auga ata a 3 metros de profundidade, e cunha pantalla LCD capaz de librarse da condensación mediante un recubrimento especial (librándonos da molestia de ter que limpar constantemente a súa pantalla en ambientes húmidos). A súa lente tamén ten un recubrimento que evita que se empane.
Entre as súas características moitos usuarios agradecerán a posibilidade de pausar as gravacións, de xeito que cada vez que premamos o botón de gravar non teremos un ficheiro de vídeo distinto, minimizando o proceso de montaxe.
Conta cunha batería de 1.300 mAh (que permitiría un uso da cámara de ata 2 horas), integra USB, ten saída HDMI, almacena os seus contidos en tarxetas microSD/SDHC, mide 60 x 113 x 19,7 milímetros, pesa 130 gramos (con batería) e sairá en maio a un prezo de 159 euros.

PUBLICIDADE