Nova edición do campamento tecnolóxico Aldaba-TIC Camp en Ourense

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

Do 23 ao 27 de xuño, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense será o escenario dunha nova edición do Aldaba-TIC Camp, o campamento tecnolóxico de verán dirixido á rapazada. O prazo de inscrición abriu hoxe mesmo.
A iniciativa está promovida pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, un proxecto das universidades de Vigo e A Coruña en colaboración coa empresa Aldaba. O obxectivo fundamental do programa é fomentar vocacións tecnolóxicas desde idades temperás, dando a coñecer o mundo das TIC dun xeito lúdico, práctico e accesible.
Un dos eixos centrais do campamento é a promoción da igualdade de xénero nos estudos tecnolóxicos. Por iso, o 80 % das prazas están reservadas para nenas. Só se non se cobre esa cota, as prazas restantes serán asignadas aos nenos en lista de agarda.
A actividade está dirixida a cativos e cativas nados entre 2013 e 2019 e desenvolverase en horario de 9.00 a 14.00 horas, cun servizo de madrugadores dispoñible de 8.00 a 9.00 e opción de comedor entre as 14.00 e as 15.00 horas. O prezo de inscrición, sen servizos adicionais, é de 115 euros, aínda que se está á espera da confirmación dunha subvención parcial de 55 euros.
Nesta edición, o campamento levará por título Salvar a Terra, e xirará arredor dunha misión de protección ambiental. A través de actividades prácticas como adestramento con drons, experimentación con intelixencia artificial, impresión 3D, domótica e programación de robots, os participantes mergullaranse nunha narrativa de aprendizaxe tecnolóxica centrada na sustentabilidade do planeta.