Nova vaga de baneos en Xbox LIVE

luns, 2 de novembro do 2009 Marcus Fernández

Microsoft está a celebrar o Halloween dun xeito moi especial, cunha nova serie de vetos de consolas Xbox 360 modificadas para poder reproducir xogos piratas, de xeito que desactiva a súa posibilidade de xogar en rede a través de Xbox LIVE, como vén de recoñecer un voceiro da compañía ante IGN, quen asegurou que esta «na liña co noso compromiso de loita contra a piratería e apoio a un xogo máis seguro para os máis de 20 millóns de membros da nosa comunidade Xbox LIVE, estamos a suspender a estas consolas modificadas de Xbox LIVE».
A vaga de baneos é evidente no foro oficial do servizo, onde distintos usuarios buscan información do acontecido, ante o que dende Microsoft responden que o uso de copias piratas de xogos viola as normas de uso de Xbox LIVE, de aí o veto das consolas que permiten estas prácticas.
Aínda que moitos poden pensar que as novas versións do dashboard da Xbox 360 son a causa do acontecido, todo parece apuntar a que é o lanzamento de Modern Warfare 2 o que ocasiona que Microsoft reforce as súas medidas de seguridade, pois estamos ante un dos títulos máis importantes do ano, e evitar a piratería do mesmo é sumamente importante tanto para frear as súas copias como para non colapsar os servidores que atenden aos millóns de usuarios en rede que coincidirán estes días en Xbox LIVE.

PUBLICIDADE