Novacaixagalicia remata a integración tecnolóxica na rede de sucursais de Portugal

martes, 26 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

O proceso de creación de Novacaixagalicia, fusión de Caixa Galicia e Caixanova, precisou no plano tecnolóxico de importantes esforzos en materia de integración. Os traballos, de feito, foron alén dunha simple renovación da páxina web corporativa, agora única, xa que houbo que desenvolver e pór en marcha unha plataforma e uns recursos informáticos xenéricos e específicos comúns, co fin de dar cumprido servizo aos clientes de ámbalas dúas entidades. A tarefa, que aínda está en marcha, comezou o 1 de decembro. Arestora, informa Novacaixagalicia, vense de “culminar con éxito” a integración da plataforma tecnolóxica na rede de sucursais de Portugal.
O proceso rematou o pasado 15 de xullo nun prazo que a caixa galega cualificou de “tempo récord”. Falamos de 8 de meses de traballos, dez meses antes do previsto, tarefas nas que participaron 70 profesionais. Esta integración informática permite á banca galega “relanzar a súa actividade no mercado portugués cunha rede comercial de 86 profesionais e sete sucursais”.
Nos 8 meses de traballo en Portugal incorporáronse á nova plataforma de NCG as sete oficinas que a entidade financeira galega ten no país irmán e integráronse máis de 28 millóns de rexistros, o que permite, en palabras da entidade financeira galega, “que os clientes poidan realizar todo tipo de operacións en calquera sucursal, unificándose tamén a banca electrónica para particulares e empresas e lanzándose a web corporativa única de Novacaixagalicia en Portugal cunha media de 10.000 visitas semanais”.
Polo que atinxe á unificación informática da rede de sucursais de España, dicir que ten previsto o seu remate para o vindeiro 15 de agosto. O proceso culminará nove meses antes do previsto, infórmase. Isto converte á entidade galega na caixa de aforros en proceso de fusión que cumprirá os devanditos obxectivos no menor tempo.

PUBLICIDADE