Noventa países celebran este sábado o Día Internacional do Software Libre

venres, 19 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Este sábado día 20 de setembro enfiamos cara ó outono cunha celebración a nivel mundial das vantaxes, utilidades e logros da programación aberta. Máis polo miúdo, é a xornada elixida para o Día Internacional do Software Libre, festividade que vai obter seguimento en 90 países de todo o mundo e que, como o seu nome indica, serve para darlle un novo pulo á divulgación dos beneficios do open source na educación, no eido empresarial, nas institucións públicas e administracións e nos usuarios en xeral. A iniciativa, que a nivel español conta con CENATIC (o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC) en labores de coordinación das actividades, vai atopar ampla repercusión en Galiza grazas ao completo abano de tarefas de difusión preparadas para estes días polos grupos de usuarios e deseñadores de software libre e pola Consellería de Innovación.
A festividade, chamada popularmente na Rede Software Freedom Day, conta en labores de patrocinio coa plataforma galega mancomun.org, quen incluíu no seu programa de accións da xornada o encontro celebrado coas devanditas asociacións de programación aberta da nosa terra (xuntanza da que damos conta nesta mesma web).
Asemade, o Día do Software Libre virá apoiado este ano por empresas e organizacións procedentes de diversas frontes: Sun, Google, Linode, Canonical, Bite ou Mindtouch. Sinalar que, malia tratarse dunha celebración para un día concreto, está previsto que as accións dos 90 países que participan na iniciativa se estendan tamén ao longo dos vindeiros días.

PUBLICIDADE