Novo reprodutor multimedia acuático

martes, 9 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Naical vén de pór á venda en España por 79,89 euros un orixinal reprodutor musical pensado para a práctica deportiva, incluso baixo a auga, pois o NU Dolphin Lite cumpre co estándar de resistencia á auga IPx7 e grazas ao seu deseño, pode ser ideal para o seu uso na piscina.
Este reprodutor conta cuns auriculares tamén somerxibles, carentes de cables, pois a diadema que os une por detrás da caluga do usuario tamén ten o conector para o pequeno reprodutor musical, evitando a incomodidade de levar o dispositivo nun brazo coma outros reprodutores semellantes.
O NU Dolphin Lite reproduce música en MP3 e WMA almacenada na súa memoria interna de 2 Gb, ten unha autonomía de ata 20 horas tras 2 horas de carga (aínda que tamén é capaz de operar durante 2 horas tras unha carga rápida de 5 minutos), mide 6,5 x 2 x 1,3 centímetros e pesa 20 gramos.
Aparte do uso en actividades acuáticas, este reprodutor musical tamén resulta cómodo para a práctica de moitos deportes (por non precisar de correas de ningún tipo durante o seu uso), ou simplemente para utilizar en condicións de alta humidade sen temor a que o trebello sufra unha avaría.


Explicación do funcionamento do reprodutor NU Dolphin Lite

PUBLICIDADE