Novo tablet de bq con Android 4.0 e pantalla de 9,7 polgadas
venres, 22 de xuño do 2012
Dende bq continúan a colocar no mercado tablets co sistema
operativo Android 4.0, cada vez máis atractivos e potentes, sendo o último en
incorporarse ao seu catálogo o bq Tesla, que cunha
pantalla IPS multitáctil de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768
píxeles e unha capacidade de almacenamento interno de 16 Gb (ampliable mediante
tarxetas microSD de ata 32 Gb) colócase como o mellor produto desta gama da
compañía por un
prezo de 219 euros, o que resulta bastante axustado para as súas
prestacións.
Este novo tablet non só conta cun procesador Cortex A8 a 1 GHz, 1 Gb de RAM, conexións
mini-USB 2.0 e saída HDMI para poder ver vídeo en alta definición no televisor,
cámara frontal, Wi-Fi N e unha batería de 6.000 mAh, senón que tamén ten unhas
dimensións (241 x 187 x 9,5 milímetros) e un peso (596 gramos) moi semellante
ao iPad 2, á vez que presente unha aparencia externa diferente á meirande dos
tablets con este formato que chegaron ás tendas nas últimas semanas (e que
parecen todos clons que só se distinguen polo logotipo do seu vendedor).