Novo teclado lavable de Logitech

mércores, 22 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Logitech presenta hoxe un novo teclado para PC, o Logitech Washable Keyboard K310, que co seu descritivo nome quere deixar claro que estamos ante un dispositivo doado de lavar e de secar, á vez que está deseñado para ser cómodo para os usuarios afeitos a teclado finos. Este novo teclado pode somerxerse totalmente na auga (agás o seu cable USB) facilitando que non quede sen limpar ningún curruncho, mantendo a impresión das súas teclas, realizada a láser e protexida por unha capa UV. Dende o po ata as verteduras accidentais de líquidos deixarán de ser unha preocupación para o usuario.
O Logitech Washable Keyboard K310 chegará ás tendas no mes de outubro a un prezo de 39,99 euros, e está pensado para o seu uso para ordenadores con Windows. Cómpre destacar tamén que estamos ante un teclado completo (con teclado numérico) que soporta ata 5 millóns de pulsacións, que non só resulta resistente e confortable, senón que tamén é doado de usar, pois non precisa de software para a súa configuración, sendo só preciso conectalo ao PC para comezar a usalo.

O novo teclado pode meterse debaixo da billa para a súa limpeza profunda


Vídeo de presentación do novo teclado de Logitech