Novo trackball sen fíos de Logitech

xoves, 16 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Buscando unha alternativa cómoda para o rato e o touchpad, Logitech lanza o seu novo Wireless Trackball M570, pensado para un uso habitual libre de cables grazas a un receptor con tecnoloxía Logitech Unifying.
O Logitech Wireless Trackball M570 chega ao mercado a un prezo de 69,99 euros, e resulta moi atractivo para moitos usuarios que ven como unha vantaxe o poder desprazar o cursor pola pantalla do ordenador sen ter que mover o brazo (a bola do trackball móvese cun dedo), de xeito que temos unha postura confortable á hora de empregar un trackball, aínda que este sistema de control non goce con moitos partidarios.
Ao igual que nos ratos de nova xeración, os movementos da bola deste trackball detéctanse mediante un sensor láser, contando este trebello tamén cunha roda de desprazamento e botón esquerdo e dereito coma un rato convencional, engadindo un par de botóns de atallo que facilitan o acceso cara atrás ou adiante en distintas aplicacións. A autonomía deste dispositivo sen fíos é de ata 18 meses cunha pila AA, contando cun indicador luminoso que informa cando estea baixa de carga para evitar sorpresas.

O Logitech Wireless Trackball M570 pode utilizarse de xeito confortable e libre de cables

PUBLICIDADE