O 11F será celebrado pola UDC cuns relatorios sobre IA, ciberseguridade e outros temas no MUNCYT

venres, 7 de febreiro do 2025 S. P.

Como xa adiantamos dende Código Cero, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña e o MUNCYT da Coruña celebrarán o vindeiro martes, día 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun ciclo de charlas encamiñado ao alumnado de centros educativos.
A finalidade deste encontro é fomentar a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas na ciencia, avanzar na igualdade de xénero e empoderar ás mulleres no eido científico e tecnolóxico, todo isto coa salientábel participación de catro profesionais da UDC, vinculadas á Facultade de Informática da Coruña (FIC) e ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.
Indo ás charlas, dicir que serán impartidas por científicas e enxeñeiras no ámbito da Informática, visibilizarán o papel fundamental das mulleres neste sector, na procura de inspirar novas vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado máis novo. O evento terá lugar o martes 11 de febreiro, de 10:20 a 13 horas, e estará orientado ao alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, sendo recomendábel a participación de alumnado a partir de 3º da ESO. As actividades realizaranse en modalidade presencial, cun aforo limitado ao salón de actos, e en liña, a través dunha conexión online.
Comezará ás 10:20 horas coa benvida ao evento. De 10:30 a 11 horas, Verónica Bolón Canedo (enxeñeira e doutora en Informática pola UDC e investigadora no CITIC) protagonizará a intervención: Avances e desafíos da Intelixencia Artificial, e por que aínda non temos que temer aos robots!, onde realizará un percorrido pola historia da IA.
De 11:10 a 11:40 horas, Elena María Hernández Pereira (doutora pola UDC e investigadora no CITIC) impartirá a charla: Ciberseguridade e aprendizaxe automático: como as máquinas loitan contra os cibercriminais, explicando como a aprendizaxe automática pode mellorar a protección de datos en internet.
De 11:50 a 12:20 horas, será a quenda de María Martínez Pérez (investigadora do CITIC, enxeñeira Informática e doutora pola UDC) que falará sobre: Explorando a fórmula: RFID = Seguridade + Calidade – Riscos, abordando como a tecnoloxía RFID pode mellorar a seguridade e a calidade nos procesos sanitarios.
Para rematar, de 12:30 a 13 horas, María José Martín Santamaría (doutora en Ciencias Físicas pola USC e investigadora no CITIC no grupo de Arquitectura de Computadores) pechará o ciclo cunha intervención sobre: Que é a computación cuántica e por que é tan revolucionaria?
Engadir que cada relatorio terá unha duración de 30 minutos, seguida de 10 minutos para interactuar co alumnado.