O 2011 concluirá cunha administración 100% telemática

martes, 3 de maio do 2011 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, foi a encargada de inaugurar hoxe a xornada As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica, que organiza en Compostela o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Na súa intervención, Pereira lembroulle ás persoas asistntes que un dos obxectivos do Plan de Modernización da Administración é que a finais de 2011, o 100% dos procedementos da directiva de servizos “se poidan realizar telematicamente”.
Ata o de agora, a Xunta permite presentar online do redor de 120 procedementos administrativos, e está previsto que "de cara ao 2013, se acade o 100% de tramitación en liña dos mesmos”.
Deste xeito, o Goberno galego poderá relacionarse coa cidadanía e as empresas de maneira máis eficiente e próxima, botando man de todas cantas vantaxes ofrecen as novas tecnoloxías; algo que xa ten iniciado coa aprobación do Decreto que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega e sobre o que xa se avanzou nalgúns dos seus obxectivos. Así, a edición electrónica do DOG é unha realidade desde o pasado luns; xa se puxo en marcha o plan que permitirá a acreditación dixital do empregado público e estase a traballar para que a Web da Xunta albergue a sede electrónica este ano.
No marco deste proceso de modernización da Administración tamén se acadou a implantación da factura electrónica, que funciona con regularidade, e púxose en marcha o Sistema de Licitación Electrónica (SILEX), sacando a concurso público os cinco primeiros expedientes que permiten a presentación de ofertas de forma electrónica
Mar Pereira concluíu a súa intervención lembrando que “Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta en descarga e cumprimentación de formularios oficiais”; datos moi positivos que confirman que se está a avanzar polo bo camiño na implantación e uso das novas tecnoloxías e Internet na Administración.

PUBLICIDADE