O 25 de marzo sairá á venda a Nintendo 3DS en Europa

mércores, 19 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Jonathan Ross abriu o evento facendo burla dos vellos sistemas de visualización en 3D

Esta tarde Nintendo presentou en Amsterdam a súa nova consola portátil, nun evento que puido seguirse en directo a través da Internet, e no que detallaron o que será a Nintendo 3DS, que vai máis aló de ser unha consola cunha pantalla que permite amosar imaxes 3D sen lentes.
O mestre de cerimonias do evento foi Jonathan Ross, un extravagante presentador británico de televisión e radio, quen deu paso a Laurent Fischer, o director de marketing de Nintendo para Europa, encargado de repasar as especificacións da única consola portátil do mercado capaz de reproducir 3D, asegurando que a súa compañía vai repetir as revolucións da pantalla táctil da Nintendo DS e o mando da Wii coa achega das 3D nesta nova consola.

A ovella Shaun será unha das estrelas na 3DS

A consola portátil conta con conectividade Wi-Fi, e iso permitirá a achega de múltiples contidos á mesma, coma películas, series de televisión, anuncios… confirmándose a presenza da serie La Oveja Shaun (de Aardman Animations) e de material de Eurosport e Sky 3D, non figurando ningunha compañía española entre os subministradores de contidos estereoscópicos para a Nintendo 3DS.
Entre as características máis revolucionarias da Nintendo 3DS está StreetPass, un sistema de comunicación sen fíos que intercambiará certa información da nosa consola con outras que estean preto sen ter que ter un xogo cargado na consola nin estar xogando. Tamén a relación coa comunidade de usuarios da 3DS será máis doada que nas actuais consolas de Nintendo (existirán códigos amigo asociados a cada consola e non a cada xogo como ata o momento).
No que a videoxogos se refire, o primeiro do que falaron foi Super Street Fighter IV 3DS, do que Yoshinori Ono,produtor do mesmo, fixo distintos comentarios intentando ser gracioso en excesivas ocasións, e dando a coñecer poucos detalles do seu título: terá 35 loitadores e contará cun novo modo Versus que aproveitará as funcionalidades de StreetPass.

Ubisoft está a preparar 8 xogos para a Nintendo 3DS

Ives Guillemot, de Ubisoft, asegurou estar impresionado pola nova consola portátil de Nintendo e confirmou que a súa compañía está a preparar 8 xogos: Rayman 3D, Tom Clancy’s Ghost Recon: Shadow Wars, James Noir’s Hollywood Crimes, Driver Renegade, Asphalt 3D, Rabbids 3D, Tom Clancy’s Splinter Cell 3D e Combat of Giants: Dinosaurs 3D.
Os representantes de Konami no evento, tras destacar a experiencia estereoscópica sen lentes presentaron o trailer do Pro Evolution Soccer 2011 3D, que promete ser o primeiro grande xogo de fútbol para esta plataforma, do que xa tiñamos información a través da súa versión nipona (Winning Eleven 3DSoccer). O xogo supón unha impresionante evolución con respecto ás actuais entregas para a Nintendo DS, achegándose graficamente ao que podemos ver na PSP.
<em>Nintendogs + Cats</em> será un dos títulos fortes para a nova consola como tamén aconteceu coa primeira DSYosuke Hayashi, do Team Ninja, realizou declaracións sobre as posibilidades gráficas da 3DS e amosou un trailer de Dead or Alive Dimensions, que promete recoller a esencia da saga de loita á que pertence e converterse na mellor entrega da mesma. Amosará as listaxes de movementos na pantalla táctil da consola e contará con varios modos de xogo sen fíos (a través da Rede, xogo local, StreetPass e xogo cooperativo).
Laurent Fischer volveu a escena para anunciar unha serie de títulos que chegarán á Nintendo 3DS coma Nintendogs + Cats, The Legend of Zelda: Occarina of Time 3D e Kid Icarus: Uprising, para mencionar logo posibilidades da 3DS coma tomar fotografías (que facilitan a creación de Miis), facer uso da realidade aumentada ou levar un historial da nosa actividade diaria (a consola pode almacenar os pasos que da o usuario coma se fose un podómetro intelixente).

Satoru Shibata foi o encargado de anunciar a data de lanzamento da 3DS

O presidente de Nintendo en Europa, Satoru Shibata, repasou algunha das funcións da nova consola e amosou un trailer con numerosos xogos que estarán dispoñibles para a 3DS durante os vindeiros meses, entre os que figuran distintos títulos dos que aínda non comentaran nada durante a presentación de hoxe (aínda que sen ningunha sorpresa, posto que forman parte do mesmo catálogo de xogos anunciado nos pasados días no Xapón) e deixan claro que a Nintendo 3DS contará con videoxogos de multitude de xéneros e para distintos públicos. Completou esta información anunciando a data de lanzamento da nova consola en Europa: o 25 de marzo.


Vídeo cos xogos presentados durante o evento
Pese a non anunciarse oficialmente o seu prezo durante o evento de Amsterdam, páxinas web como Amazon en Francia xa permiten encargar a Nintendo 3DS por 249 euros.

Os asistentes ao evento puideron probar en persoa as posibilidades da Nintendo DS


Vídeo co resume do evento

PUBLICIDADE