O 31 de marzo botará a andar o Startup Congress Galicia

venres, 25 de marzo do 2022 Anxo Sesto

O Consorcio Zona Franca de Vigo será a sede deste ano do Startup Congress Galicia, que se celebrará os días 31 de marzo e 1 de abril. Este é o maior evento en Galicia que acollerá a todas as aceleradoras galegas e a máis de 50 fondos de inversión, cun amplo programa de charlas e mesas redondas, salas con relatorios, mesas de debate e presentacións a investidores. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, presentou o evento xunto con Lalo García, director executivo de Hubin; e Frankie Gómez, director executivo de Confirmsing.
Regades mostrou a súa satisfacción con que a Zona Franca sexa a sede este ano do evento e que Vigo se converta durante dous días no centro de reunión das startups de toda España. As actividades comezarán o vindeiro xoves 31 con varias mesas onde se analizará o futuro da industria, do comercio ao detalle, do deporte, da banca... e estarán, entre outras, empresas como Estrella Galicia, Zelnova, Abanca, Marsan, así como os clubes Celta, Obradoiro e Deportivo. Ese mesmo xoves tamén haberá varias presentacións de fondos, mesas de inversores, presentacións de proxectos en busca de inversión, obradoiros, etc. O venres 1 de abril haberá varias clases maxistrais con emprendedores de éxito como Hugo Arévalo, “o rei Midas do emprendemento español”; con JobTalent e ThepowerMBA, que conta cunha carteira que superou as 30 compañías, entre as que se atopan Cabify ou Glovo. Tamén estarán no evento algunhas aceleradoras (Vía Galicia, BFAero, Celta Labs, Abanca Innova, etc), que presentarán as súas mellores empresas aceleradas aos investidores.
O evento conta con prazas limitadas para a asistencia presencial, pero retransmitirase a través de diversas canles de streaming. Para poder acceder aos contidos será necesario acreditarse na web de Laconnetwork.

PUBLICIDADE