O 80% dos concellos galegos teñen portal de transparencia

martes, 14 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

Esta semana iniciouse con datos de interese sobre o nivel de esforzo medio dos nosos concellos na cuestión da transparencia. Ou sexa, sobre o uso de novas plataformas e tecnoloxías para fomentar a visibilidade total de información, a participación, a concorrencia, a interactividade e, en última instancia, o espírito democrático. Falamos dun estudo presentado este luns nos seus detalles na sede da Administración galega en Vigo e encargado pola Xunta, a Universidade local, a FEGAMP e a Rede Localis. No informe sinálase (entre outras moitas cousas), que preto do 80% dos concellos galegos contan xa con portal de transparencia. Máis polo miúdo, o 78%. Pola contra, o número de municipios que aínda carece deste tipo de plataforma de goberno electrónico ascende a 70. Algúns dos detalles deste informe e das actuacións previstas en base ao mesmo xa puidemos adiantalas onte mesmo dende Código Cero.
As ditas cifras, que semellan moderadamente positivas (dependendo de como se vexa “o vaso” e de con que ámbitos xeográficos nos comparemos), son a xuízo dos integrantes da Rede Localis (formada por docentes universitarios e profesionais que traballan no ámbito local e xestionada polo grupo de investigación Gen da Universidade de Vigo) “netamente mellorábeis e permiten pór enriba da mesa os problemas e dificultades do ámbito local para implantar este tipo de actuacións”. Porén, dous dos participantes na presentación, o presidente da FEGAMP, Alfredo García, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, opinaron que “a situación que debuxa o informe é mellor do que pensaban”.
No acto tamén fixo acto de presenza o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que destacou o feito de que este informe “representa un exemplo máis da transferencia do coñecemento dos investigadores e investigadoras universitarias á sociedade e ás administración”.
Segundo se detallou na presentación, o traballo contén datos dos 313 concellos galegos e constitúe “o punto de partida que permitirá trazar un roteiro para mellorar e facilitar o labor dos concellos en materia de transparencia”.
Entre outras conclusións, a investigación fai fincapé en que “o tamaño dos concellos condiciona os resultados”. Así, sinalouse, “todas as grandes cidades contan cun portal de transparencia, pero a medida que descende a importancia demográfica en termos cuantitativos, as porcentaxes van caendo, ata o 73% dos concellos de 5.000 habitantes ou menos”.
Ademais, explícase no estudo, os concellos de meirande tamaño optan por un portal de transparencia propio, 100% se a poboación é maior dos 50.000 habitantes, e 58% se se atopa entre os 20.001 e 50.000, mentres que os pequenos só optan no 34% dos casos por un portal propio.
O informe tamén sinala que coa actualización da información acontece algo semellante ao que se detalla no anterior parágrafo: canto máis pequeno é o concello, menos actualizada está. Así, os concellos de máis de 50.000 habitantes presentan información actualizada nun 86%, fronte ao 32% daqueles entre 5.001 a 20.000 habitantes e o 42% para aqueles con 5.000 habitantes ou menos.
Por certo que a raíz dos datos do informe os asistentes á presentación adiantaron que nos vindeiros meses “vanse adoptar unhas liñas de actuación conducentes a fornecer ferramentas tecnolóxicas, xurídicas e procedimentais acaidas ás peculiaridades organizativas e de funcionamento do mapa local galego”.
Neste sentido, o vicepresidente da Xunta adiantou que se “fará un redeseño do espazo de transparencia que existe no portal de Eido Local, co obxectivo de mellorar e facilitar o seu uso logo do seu primeiro ano de andadura”. Esta remodelación, dixo, “realizarase en colaboración cos concellos, aos que se lles pedirá suxestións para afacer a páxina ás obrigas legais para o ámbito local; facilitar a publicación de información polas administración locais; e facer unha páxina máis intuitiva e de fácil consulta”.

PUBLICIDADE