O Apalpador estrea novo vídeo nas redes sociais

martes, 11 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Apalpador, o carboeiro do Courel que baixa das montañas no Nadal para facer presentes á rapazada, vén de incrementar a súa presenza nas redes sociais. Sobre todo, logo da incorporación aos faladoiros dixitais dun novo vídeo-clip impulsado pola Escola de Ensino Galego Semente de Compostela. A Cançom do Apalpador, lanzada ás redes en colaboración co Concello de Santiago, insírese nun programa máis amplo de actividades, todas elas destinadas a mostrar “ante as crianças a figura infantil do gigante do Courel”. A primeira iniciativa é o lanzamento do dito vídeo, gravado in situ na propia casa do Apalpador.
Na realización da canción participaron mais de dez artistas, entre os que se contan Luis Vallecillo, Karlos Abal, Séchu Sende, Guadi Galego, Celtia Figueiras, Pablo Sanmamed, María Pámpano, Paulo Silva, Jerry Noia ou Ramón Campos. O vídeo representa o carboeiro como “um ser mágico no seu entorno natural, diante da sua casa, acompanhado polas crianças da montanha”.
Amais do devandito vídeo-clip, os días vindeiros as redes sociais irán recibindo máis novidades sobre o xigante do Courel, tamén achegadas pola Escola Semente e a Gentalha do Pichel, entre os que se conta o vídeo O Apalpador sai do Courel, un audiovisual informativo que mostra ao xigante das montañas de Lugo preparándose para levar presentes a Compostela e ao resto do país.

PUBLICIDADE