O BlackBerry KEY2 estrea versión económica

xoves, 30 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Para os amantes dos teclados físicos o anuncio do BlackBerry KEY2, smartphone que aínda non ten data de chegada oficial a España, era unha boa nova mitigada principalmente polo seu prezo de 649 euros, excesivo para un teléfono de gama media, de aí que agora si se mire con mellores ollos a teléfono presentado no marco da feira IFA de Berlín, o BlackBerry KEY2 LE.
Temos así unha versión económica (o seu prezo parte dos 399 euros) do KEY2, con carcasas en 3 cores distintas, que reducindo lixeiramente as súas prestacións consegue situarse nun rango de prezos moito máis atinado, que pode animar a máis compradores de todo o mundo, especialmente no ámbito empresarial, xa que estes dispositivos contan cunha versión de Android 8.1 equipada con software de BlackBerry que contribúen a mellorar a produtividade e a seguridade.
Este novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 836, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB que poden cambiarse en quente), pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.620 x 1.080 píxeles, cámara traseira dual de 13 + 5 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, radio FM, batería de 3.000 mAh con carga rápida por USB-C (que promete até 22,5 horas de autonomía cun uso mesturado), un grosor de 8,35 milímetros, un peso de 156 gramos e, por suposto, un teclado QWERTY de 35 teclas físicas retroiluminadas que integra un lector de pegadas dixitais.
A grande incógnita agora será cando veremos este dispositivo en España, pois os terminais da marca tenden a tardar até máis de medio ano en chegar ao noso mercado e a súa distribución é moi limitada dende que o negocio móbil é da chinesa TCL.

Vídeo promocional do BlackBerry KEY2 LE

PUBLICIDADE