O CEIP de Laredo, primeiro premio nacional Wisibilízalas

luns, 12 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente, o Colexio de Infantil e Primaria de Laredo (Chapela, Redondela) foi recoñecido o pasado sábado 10 de marzo co primeiro Premio Nacional Wisibilízalas (categoría junior), convocado polo buscador Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, poñendo o foco en figuras referentes nestes eidos. O proxecto do CEIP de Laredo foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos.
Segundo nos contan fontes do colexio, a iniciativa recoñecida por Wisibilízalas (o proxecto Donas do Código) consistiu en mostrar ante o mundo docente mulleres actuais dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, referencias, destacadas e sobranceiras. Para impulsar a visualización do traballo destas investigadoras incluíronse charlas, encontros e outras actividades coas mulleres investigadas. Encontros como o realizado recentemente no centro con África González, unha das figuras máis salientábeis dos eidos da inmunoloxía e a nanotecnoloxía, ou Alba Alonso e Edita de Lorenzo, referentes nos ámbitos das tecnoloxías da información e na loita contra a fenda dixital de xénero.
O resultado do traballo das crianzas do CEIP de Chapela pode verse na web donasdocodigo.ceipdelaredo.com ou ben, na súa versión para móbiles con Android, nun espazo específico de Google Play.
Máis detalles sobre Donas do Código
En detalle, os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos.
Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.



PUBLICIDADE