O CESGA, Igualdade e o CPEIG celebran este xoves 22 a edición 2021 do Día das Rapazas nas TIC

mércores, 21 de abril do 2021 S. P.

Este 22 de abril temos unha cita ineludíbel coas novas tecnoloxías e o importante papel que representaron, representan e representarán as mulleres na súa construción e desenvolvemento. Estamos a falar da celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a edición galega dunha sobranceira cita internacional que se dirixe a botar abaixo atrancos á igualdade nas carreiras e nas profesións tecnolóxico-científicas.
O evento galego vén novamente da man do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), entre outras entidades.
A cita será inaugurada por Patricia Argerey, directora de GAIN e presidenta do CESGA, e máis por Susana López Abella, secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
A continuación, intervirán catro representantes do sector das novas tecnoloxías na nosa terra, mostrando ante escolares dos nosos centros educativos (a través de multi-conferencia) o seu día a día profesional e os moitos elementos positivos que brinda unha carreira ligada ás novas ferramentas e á innovación: Beatriz Paz Santalla, enxeñeira de Telecomunicacións, Ana Freire, doutora en Enxeñaría en Informática, Úrsula Martínez Álvarez, enxeñeira Aeroespacial e Verónica Bolón Canedo, doutora en Enxeñaría en Informática.
A cita, que se vai desenvolver de 11.00 a 12.30 horas, será clausurada por Mª Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Este ano, debido á situación marcada pola pandemia, a actividade organízase de xeito exclusivo mediante multiconferencia web, na que participarán tanto as protagonistas invitadas como todos os centros interesados de Primaria e Secundaria.

Beatriz Paz Santalla

“Será unha gran oportunidade para coñecer a tecnólogas galegas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos eidos científicos e laborais para mellorar a vida da cidadanía”, explicaron os días pasados dende o CPEIG, engadindo que grazas a esta xornada “o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo”.
As catro relatoras
Como dixemos, participarán catro mulleres excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:
- Beatriz Paz Santalla é enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, Mestrado en Seguridade da Información e Administración de Empresas, e co-fundadora da empresa GDI, empresa galega pioneira en ofrecer solucións de vídeo-conferencia, telepresencia e mobilidade.

Ana Freire

- Ana Freire é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é investigadora e docente na Universitat Pompeu Fabra (Barcelona), onde traballa aplicando a Intelixencia Artificial a diversas necesidades sociais como a saúde mental. É directora do Centro de Estudos de Sostibilidade da mesma universidade e lidera Wisibilízalas, un concurso internacional para romper estereotipos de xénero asociados a estudos científico-tecnolóxicos. Recibiu numerosos recoñecementos polo impacto social da súa investigación, entre os que destaca o Premio ao Talento Xove Feminino Investigador, outorgado pola Fundación Real Academia das Ciencias e o premio Ada Byron, outorgado pola Universidad de Deusto.
- Úrsula Martínez Álvarez é enxeñaría Aeroespacial, e está finalizando o Mestrado en Enxeñaría Areonáutica, especializada en vehículos espaciais. O seu traballo céntrase en proxectos sobre deseño, fabricación e ensaio de sistemas e experimentos no espazo. Desde fai once anos, forma parte do proxecto de educación ambiental Climántica.

Verónica Bolón

- Verónica Bolón Canedo é doutora en Informática pola Universidade da Coruña, e investigadora centrada en Intelixencia Artificial, especialmente en aprendizaxe automática para Big Data (análise da información a gran escala). É responsábel do nodo Inspira STEAM na Coruña.
Máis detalles da celebración
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación para o desenvolvemento académico, investigador e profesional.

Úrsula Martínez

O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Desde 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC na que colabora o Colexio Profesional de Enxeñería informática (CPEIG) no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de Secundaria.

PUBLICIDADE