O CESGA e a USC impulsan un proxecto tecnolóxico-arqueolóxico para pescudar a pegada fenicia na nosa terra

venres, 10 de xuño do 2016 Fernando Sarasketa

Restos dun antigo peirao de atraque en Aguiño, Ribeira, crese que de orixe fenicia

A semana que vén, o 16 de xuño, vaise presentar no Museo do Mar de Galicia (en horario de 17.00 a 20.00 horas) o Proxecto Estrímnides para o estudo da presenza fenicia na nosa terra durante o primeiro milenio antes de Cristo. Máis polo miúdo, trátase dunha xuntanza para avaliar e dar conta en detalle do dito proxecto, impulsado por un equipo de investigación formado por membros da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Sevilla e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). A iniciativa, a maiores, está financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade. Segundo nos conta a USC (o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste ibérico), Estríminides ten por obxecto estudar a presenza no Noroeste peninsular (Galicia e Norte de Portugal) do devandito pobo procedente da costa leste mediterránea (unha das culturas máis ricas da antigüidade, con gran influencia na contorna europea en materia de arte, comercio e navegación, principalmente).
De feito, o proxecto centrase en investigar as relacións comerciais que as comunidades do noroeste mantiveron con pobos do sur da Península Ibérica e o Mediterráneo en xeral.
A dita cita terá xeiras de traballo previas. Así, a semana do 13 ao 17 de xuño, os investigadores sevillanos desenvolverán a súa primeira estadía de traballo en Galicia para facer una serie de actividades que impulsen o estudo dos materiais arqueolóxicos de procedencia mediterránea recuperados en castros galegos. Estas actividades incluirán a visita a arqueoteca da Universidade de Santiago de Compostela e o Museo do Mar, o Museo de Pontevedra e o Museo de San Antón en Coruña.
A semana, engade o dito Grupo, culminará na devandita reunión de traballo do día 16. Celebrarase no Museo do Mar para presentar os obxectivos do proxecto á comunidade arqueolóxica galega. Nesta reunión intervirán Josefa Rey Castiñeira, Javier Rodríguez Corral da Universidade de Santiago de Compostela, Emilio Abad do CESGA (Centro de supercomputación de Galicia) e Eduardo Ferrer Albelda, Francisco José García Fernández e Antonio Sáez Romero (Universidad de Sevilla) e o arqueólogo Juan Naveiro Lopéz.
No caso de Emilio Abad, dará conta das vantaxes e funcionalidades da ferramenta IDEPatri como recurso de traballo para o proxecto Estrímnides. Como lembraremos, IDEPatri ten como finalidade principal o acceso a datos de temática arqueolóxica, sobre todo da cultura castrexa. É o resultado da estreita colaboración entre o CESGA e o GEPN (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste ibérico), xunto con outros investigadores e institucións, que permitiu o deseño dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o intercambio de información a través de Internet. En palabras do CESGA, a ferramenta “propón un sistema operacional de xeración e provisión de datos xeoespaciais derivados da práctica arqueolóxica”. Esta plataforma permite aos profesionais “coñecer o estado das investigación que se están levando a cabo, e tamén, ao integrar este coñecemento en Internet, ofrecer os seus contidos a calquera outra persoa”, engade o Centro de Supercomputación de Galicia.

PUBLICIDADE