O CESGA, finalista nos Premios Innovation Awards 2009 da Itanium Solutions Alliance

mércores, 2 de setembro do 2009 Raquel Noya

A Itanium Solutions Alliance, vén de facer públicas as compañías nominadas aos premios Innovation Awards 2009, uns galardóns internacionais que recoñecen e premian aquelas entidades, desenvolvedores e proxectos innovadores baseados en tecnoloxía Intel Itanium.
De entre os proxectos presentados, unha gran variedade de aplicacións innovadoras chegadas de todo o mundo, resultou escollido, entre outros, o CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia, que resultou finalista na categoría de Computationally Intensive Application
O Centro de Supercomputación galego, alberga o superordenador Finis Terrae, que xa resolveu múltiples desafíos de cálculo imprescindibles para avanzar noutros tantos proxectos de investigación. Entre outros moitos, segundo veñen de afirmar os seus responsables directos, “resolvéronse problemas de ata 500 millóns de incógnitas en electromagnetismo computacional co obxectivo de detectar interferencias entre antenas, medir a radiación nas superficies ou estudar o comportamento dos radares en barcos e avións”.
Finis Terrae conta con máis de 2.500 núcleos de CPU Itanium2 repartidos en servidores HP Integrity rx7640 e Superdome, e alberga preto de 20 Terabytes de memoria central en arquitectura de memoria compartida. Opera baixo Suse Linux, sendo posible funcionar con outros sistemas operativos como Unix e Windows.
A categoría Computationally Intensive Applications recoñece ás compañías que aplicaron os seus sistemas Itanium para facer fronte ás enormes cargas de traballo en ámbitos críticos que demandan recursos compartidos de alto rendemento e escalabilidade.
Para escoller aos finalistas de cada categoría unha serie de xuíces avaliaron todos os proxectos baseándose en criterios tales como, reto de execución, resultados obtidos, impacto medioambiental, orixinalidade…
Estes premios fallaranse o próximo día 23 de setembro e o gañador (que agardemos que sexa o representante galego) será anunciado nun evento especial durante o Intel Developer Forum, o mesmo día no San Francisco Museum of Modern Art.

PUBLICIDADE