O CITIC abre o prazo de recepción de abstracts para o cuarto Congreso XoveTIC, que se celebra en outubro

mércores, 12 de maio do 2021 S. P.

O Congreso XoveTIC organizado polo Centro de Investigación TIC, unha cita referencial para dar visibilidade e reivindicar o talento tecnolóxico das novas xeracións de investigadoras e investigadores, vaise celebra en outubro, os días 7 e 8, e xa ten aberto neste intre o prazo para a recepción de abstracts, que estará aberto até o vindeiro 25 de xuño. Será a cuarta edición do congreso e virá en formato virtual.
Segundo informa o CITIC, este evento científico está destinado ao persoal investigador júnior (predoutoral e posdoutoral) para presentar comunicacións orais ou pósteres das súas investigacións no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Ademais, tamén están previstas conferencias plenarias e obradoiros de formación.
O obxectivo do XoveTIC é “construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír á formación dos mozos investigadores”.
Xa está aberto o prazo de recepción de abstratcs ata o próximo 25 de xuño. As contribucións poderán ser orixinais ou traballos adaptados xa presentados noutros foros, e todos os traballos que se acepten serán publicados nun libro de actas.
Entre todas as comunicacións orais presentadas, concederanse cinco premios de 300 euros cada un ás mellor valoradas por parte do comité científico, atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade.
Na súa pasada edición, o XoveTIC contou con máis de 100 asistentes e nel presentáronse 60 comunicacións, tanto en formato oral como en póster.
Segundo explica o CITIC, o XoveTIC é “un congreso xenuíno que se diferencia da maioría dos eventos análogos que se celebran en España no ámbito das novas tecnoloxías, nos cales se reúnen investigadores sénior con anos de experiencia”. Pola contra, o XoveTIC preséntase como “o punto de partida de novas investigacións e proxectos que impliquen cambios disruptivos na sociedade e na tecnoloxía tal e como actualmente as coñecemos”.

PUBLICIDADE