O CITIC acolle a nova edición das Xornadas sobre Seguridade e Defensa

mércores, 22 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Os días 23 e 24 de novembro vaise celebrar na sede do CITIC (Centro de Investigación TIC), no Campus de Elviña na Coruña, a nova edición dun evento destinado a facer avanzar a conxunción entre matemáticas e novas tecnoloxías para acadarmos a meirande eficiencia posíbel en materia de protección de persoas e bens, rescates en catástrofes, resposta ante ciberataques ou resolución de emerxencias. Estamos a falar das quintas Xornadas sobre Seguridade e Defensa, que este ano se desenvolven baixo o epígrafe Tendencias e Demandas en Tecnoloxías Matemáticas e TIC e que están organizadas polo devandito CITIC, por CESEDEN, o Instituto de Matemática Industrial (ITMATI), o grupo M2NICA e máis a UDC (Universidade da Coruña).
Participarán empresas galegas punteiras como Torusware, salientando a importancia das tecnoloxías de seu (plataformas e algoritmos específicos) para facer fronte ás crecentes ameazas na Rede, desenmascarando informacións a tempo real mediante a análise automática e masiva de datos.
Nas xornadas, que como dixemos diríxense a buscar o achegamento das TIC e as tecnoloxías de cómputo avanzado, fomentando o avance da seguridade a defensa, desenvolveranse relatorios e unha mesa redonda titulada: Oportunidades no ámbito de Big Data. As súas relacións coa seguridade e a defensa.
O encontro levarase a cabo grazas á colaboración entre ITMATI, o CITIC, o Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN) e a UDC (coa colaboración do Instituto Matemático Interdisciplinar da UCM). Tamén contarán coa participación doutras entidades e empresas participantes como: Airbus Defense and Space, Appentra, Armada-Flosub, General Energy, Getronics, Insitu, Randed, Roa, Torusware ou Zima Corp.
Esta actividade enmárcase no marco do convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), para a organización e o desenvolvemento destas xornadas. Tamén colaboran a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través da Rede Tecnolóxica de Matemática Industrial (Rede TMATI) e do convenio que ITMATI ten con esta Consellería.

PUBLICIDADE