O CITIC acolle unha xornada sobre como financiar proxectos con Cascade Funding

mércores, 10 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC vai acoller este venres 12 de xullo unha xornada formativa sobre as oportunidades para a comunidade investigadora de Cascade Funding, que é un mecanismo da Comisión Europea para distribuír financiamento público para proxectos de desenvolvemento e innovación. A cita vén da man do Campus Innova da UDC, estando destinada a grupos de investigación dos campus coruñeses. Trala celebración da xornada, enviarase aos participantes unha enquisa, elaborada con base no formato de Project Scope, para identificar ideas de proxecto que poidan ser susceptíbeis de encaixar coas convocatorias Cascade Funding.
En función da devandita información, seleccionaranse o catro grupos máis prometedores para a captación de financiamento e prestaráselles un asesoramento personalizado. Con este fin, á volta de verán artellaranse xuntanzas individuais dunha hora de duración orientadas a coñecer en detalle que iniciativas se están a desenvolver e que oportunidades de financiamento habería dispoñíbeis.
Como conclusión ás sesións, entregarase a cada un dos grupos de investigación un informe de posibilidades de financiamento vía Cascade Funding para os seus proxectos.
A xornada será impartida por Funding Box, compañía referencial no ámbito de Cascade Funding e que, a través de Econet, leva máis de 25 anos apoiando a entidades públicas e persoais á hora de obter fondos públicos europeos para os seus clientes. A día de hoxe está presente en 19 proxectos H2020, seis deles como entidade coordinadora.
Programa da xornada:
09:45 h - Recepción de asistentes
10:00 h - Introdución ás oportunidades de H2020 para investigadores: Convocatorias comúns
10:30 h - Introdución ás oportunidades vía Cascade Funding: Que é? Como funciona? Que proxectos e programas está a financiar? Onde atopar esas oportunidades?
11:00 h - Presentación das principais áreas de financiamento vía Cascade Funding: I4 MS, SAE, NGI, Robótica, Fotónica, Big Data, etc.
12:00 h - Pausa café
12:30 h - Presentación de oportunidades de financiamento para investigadores en proxectos Funding Box: Tetramax, DIH2, RIMA, AI4 EU
13:30 h - Preparación de propostas: Proceso de presentación de candidaturas e avaliación
14:30 h - Fin da xornada

PUBLICIDADE