O CITIC presentou en Santiago a aplicación que nos lembra de xeito automático onde deixamos aparcado o automóbil
mércores, 3 de decembro do 2014
Calquera
que se tivera achegado co coche a un centro comercial ou a unha
grande infraestrutura de calquera tipo con aparcamento acorde ás
súas dimensións tivo que pasar algunha vez por unha situación de
desconcerto ante a imposibilidade (máis ou menos estendida no tempo)
de atopar o automóbil. A escena pódese acurtar máis ou menos (hai
a quen o desconcerto dúralle un segundos, e hai quen se pasa horas
dando voltas polo aparcamento trabucado), pero case con toda
probabilidade todos os condutores pasamos por ela. Para pórlle
remedio coa axuda do noso dispositivo, porque a tecnoloxía ten
respostas para todo, o Centro
de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións,
CITIC, desenvolveu unha aplicación chamada LocYu,
da que xa
temos falado noutras ocasións en Código Cero salientando o seu
potencial para facilitarnos a condución e estacionamento.
Precisamente este mércores presentouse en Santiago a súa vertente
destinada a impedir que o coche se
nos extravíe nos
aparcamentos, falamos de LocYu
Parking, que é quen de memorizar a praza por nós e de xeito
automático.
A
presentación, celebrada nun espazo especialmente acaido para a
implantación do servizo (o Centro Comercial As Cancelas), contou coa
presenza de investigadores do CITIC, da empresa galega Plexus e da
devandita superficie comercial compostelá, o primeiro centro en
apostar de cheo pola aplicación. Segundo se fixo saber en detalle,
LocYu Parking é unha ferramenta de balde que podemos instalar no
noso smartphone
ou tableta, dispoñíbel para Android
e para iOS,
e que ten a capacidade de memorizar de xeito automático a praza na
que teñamos estacionado o noso vehículo. Isto permite que teñamos
á nosa disposición, de solicitala, a ruta máis curta e idónea
para chegar ao coche, unha funcionalidade moi a ter en conta para
calquera usuario pero sobre todo para aqueles usuarios de mobilidade
máis reducida (persoas de idade, familias con nenos pequenos,
mulleres embarazadas, persoas en cadeiras de rodas, enfermos, etc). A
aplicación fai uso da tecnoloxía Bluetooth BL para detección
automática, e segundo fixeron saber os responsábeis do seu
desenvolvemento e adaptación “resulta especialmente práctica para
grandes superficies con aparcamentos baixo terra onde chega o sinal
do GPS nin se dispón de cobertura móbil”. De feito, o Bluetooth
enche á perfección estes baleiros de tecnoloxía.
A
ferramenta LocYu Parking, como lembraremos, foi desenvolvida pola
Área de Sistemas de Comunicacións Sen Fíos do CITIC, amais do
software para dispositivos móbiles. O recurso compleméntase con
radiobalizas baseadas en tecnoloxías estándar que se despregan nos
espazos internos das grandes superficies “con total comodidade e
cun mínimo de mantemento”, de feito teñen autonomía para
períodos de arredor de cinco anos. Todos estes detalles e
funcionalidades foron explicados ao detalle (na presentación
celebrada nas Cancelas) por Carlos Escudero, investigador do CITIC,
quen fixo saber que o sistema fornece tamén un SDK e un API para a
integración en aplicacións de terceiros.
Escudero,
que tamén coordinou unha demostración práctica do funcionamento do
sistema (desenvolvida no propio aparcamento subterráneo do Centro As
Cancelas, onde estaba habilitada un área específica para tal
efecto, con radiobalizas e un coche de Plexus dotado dun dispositivo
co servizo descargado), explicou aos medios de comunicación que
LocYu trata de responder e dar solución a unha pregunta ben
concreta: Onde deixamos o coche cando chegamos a unha gran superficie
e como chegamos a el? Ao fío disto, o investigador do CITIC sinalou
que a resposta tecnolóxica á cuestión debía ser eficaz e útil,
pero tamén doada. De feito, dixo, a aplicación LocYu Parking
funciona de xeito totalmente automático unha vez que a teñamos
descargada no dispositivo. O único que se require, amais de tela no
noso aparello, é que os centros comerciais que poidan estar
interesados fagan unhas pequenas adaptacións nas súas
infraestruturas para poder achegar o servizo aos seus clientes,
adaptacións que teñen relación directa coa posta en marcha das
ditas radiobalizas. Escudero tamén lembrou que o presentado hoxe é
unha primeira versión da ferramenta, e que esta estará suxeita,
como é lóxico e natural, a vindeiras actualizacións.
Na
presentación tamén estivo presente o coordinador do centro coruñés
CITIC, Manuel F. González Penedo, quen sinalou que a ferramenta xorde da
aplicación directa da experiencia en I+D dos investigadores do
centro coruñés, sendo o resultado “unha mostra máis da
confluencia entre a Universidade e a Empresa a favor da transferencia
tecnolóxica, un dos nosos principais obxectivos”.
Tamén participaron na cita cos medios Juan Martínez, director da Área de Desenvolvemento de Plexus, empresa responsábel do despregamento no Centro Comercial As Cancelas, e máis Abraham Castro Cano, xerente do devandito centro, quen lembrou que coa implantación do servizo, "poñemos a disposición dos clientes a tecnoloxía necesaria para que as súas estadías nas Cancelas sexan experiencias únicas que os conviden a volver".