O CNTG acolle en marzo un seminario técnico sobre deseño de aplicacións para iOS

luns, 24 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

Tendo en conta o que opina a Unión Europea sobre o potencial do sector das aplicacións móbiles, un eido empresarial de actividade que a xuízo desta Administración podería xerar até cinco millóns de postos de traballo de aquí a 2018 e unha boa manda de clientes beneficios, non está de máis (nin moito menos) que nos poñamos ao día sobre os recursos e ferramentas precisos para sermos bos desenvolvedores. Nesta liña, con especial atención ás cousas de Apple, é onde se centra o novo seminario que presenta o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). Falamos do seu seminario técnico sobre desenvolvemento de aplicacións para iOS. A cita é o 20 de marzo e de 9.30 a 13.13 horas.
A sesión, informa a dirección do centro, presenta unha vertente dupla: por unha banda unha primeira vertente orientada a proporcionar unha visión técnica da arquitectura das aplicacións para iPhone/iPad e, pola outra, unha segunda encamiñada á área de negocio e monetización destes desenvolvementos por parte de empresas e autónomos. Este seminario esta dirixido sobre todo a desenvolvedores de software e, en xeral, persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre a materia. O relator da xornada será Sergio Rodríguez, director de formación da empresa Core Networks. Sergio Rodríguez é enxeñeiro de telecomunicacións e foi instrutor oficial de Sun Microsystems ata 2003 e de Oracle University dende 2010. Especializado na área de sistemas e desenvolvemento comezou no desenvolvemento de aplicacións para smartphones no ano 2009, emprazando unha das súas aplicacións como a aplicación española máis descargada en España en 2011. O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.

PUBLICIDADE