O COETTGA celebra a terceira edición do ForoTelecos
venres, 13 de xaneiro do 2023
O Hotel Oca Puerta del Camino foi o escenario elixido ao que
acudiron máis de medio cento de enxeñeiros técnicos de toda Galicia,
representantes doutros colexios homónimos nacionais e autoridades para apoiar
esta terceira edición do ForoTelecos que
organizou o COETTGA, evento que busca dar
visibilidade ao traballo diario dos telecos galegos e potenciar a imaxe
do COETTGA.
O evento comezaba a última hora da tarde coa recepción de
invitados e autoridades. Para dar paso a un cóctel co respaldo dos deliciosos
produtos que alberga o paraugas da marca Galicia Calidade e, acto seguido,
deuse paso á entrega dos Premios Enxeño 2023, para finalizar cunha cea de
confraternización que contou coa presenza do director da AMTEGA, D. Julio
Cerviño, que foi o encargado de clausurar o acto.
Antes da entrega dos recoñecementos a entidades e
profesionais, José Manuel Martínez, decano do COETTGA, dirixiu unhas palabras
para reivindicar «a presenza e capacidade de adaptabilidade e desenvolvemento
dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións naquelas esferas públicas que
teñen que potenciar a dixitalización e a implementación das novas tecnoloxías»,
a fin de reforzar e impulsar o valor de proxectos de enxeñería técnica de
telecomunicacións, fundamentais no crecemento e correcto funcionamento de toda
a sociedade. De feito, Martínez lembrou que «o traballo do COETTGA é
representar a este colectivo e darlle visibilidade, así como apoiar iniciativas
e proxectos relacionados coas TIC e os retos dos seus profesionais». O decano
do COETTGA afirmou que «detrás das grandes revolucións dixitais de hoxe en día
que evolucionan a unha velocidade vertixinosa, como a tecnoloxía de cadeas de
bloques, o Metaverso, a Big Data, a ciberseguridade, a Internet das Cousas ou a
popularización das criptomoedas, hai profesionais das telecomunicacións que
souberon adaptarse aos cambios e anticiparse aos retos que a sociedade vai
marcando», polo que, ademais de ser unha profesión con alta inserción laboral,
é tamén eixo central da maioría das transformacións que está a sufrir o mundo
hoxe en día.
Premios Enxeño 2023
A continuación, os representantes do COETTGA fixeron entrega
dos Premios Enxeño 2023, unha terceira edición de galardóns que recoñecen a
traxectoria de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións:
– Premio Enxeño 2023
á Delegación de Alumnos de Telecomunicacións polo seu labor de representación
das novas xeracións dentro da profesión.
– Premio Enxeño 2023 á Asociación Galega
de Blockchain e IoT (AGALBIT) por tratarse dunha iniciativa innovadora
proxectando as telecomunicacións na sociedade actual.
– Premio Enxeño 2023 a Rede de Robótica
Educativa por levar as telecomunicacións e as novas tecnoloxías ás aulas desde
idades moi temperás onde se forxarán os futuros profesionais do noso sector.
– Premio Enxeño 2023 á Enxeñeira do
Ano, á traxectoria da colexiada Emilia Seoane, adxunta á dirección técnica
de RETEGAL, recentemente xubilada. Sempre deu visibilidade e defendeu o papel
da muller nun sector eminentemente masculino.