O CPEIG achegaralle 1.000 euros ao mellor proxecto TIC de fin de carreira

mércores, 1 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está a procurar xeitos de apoiar aos novos profesionais das redes e as ferramentas do coñecemento da nosa terra. Este e máis o de mellorar a profesión mesma é o obxectivo básico do Premio Proxecto Fin de Carreira que vén de convocar o Colexio para estudantes de Enxeñaría en Informática que desenvolveran os seus estudos na nosa terra nos últimos dous anos (2009 ou 2010).
O galardón, que constitúe para o CPEIG unha canle de achegamento á realidade do colectivo estudantil, enmárcase no programa de actividades dos Premios da II Noite de Enxeñaría en Informática de Galicia, gala de recoñecementos TIC que o Colexio ten proxectado celebrar o vindeiro 15 de outubro no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.
Segundo informa a entidade profesional, para aspirar ao devandito galardón de fin de carreira cómpre facer chegar os proxectos antes do 15 de setembro á seguinte conta de correo electrónico: informacion@cpeig.org. De contado, “unha comisión integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG valorará os traballos recibidos e determinará o nome do gañador ou gañadora”, informa o Colexio. A persoa galardoada, engade, recibirá 1.000 euros como premio ao seu esforzo e traballo.

PUBLICIDADE