O CPEIG anuncia os galardoados co Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
xoves, 23 de xuño do 2022
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
(CPEIG) creou unha nova categoría de premio nesta XIV Noite da Enxeñaría en
Informática de Galicia, o Premio Obxectivos de Desenvolemento Sostible (ODS),
que este ano foi para a rede Dinapsis de
Viaqua e o grupo de investigación SING da Universidade de Vigo (UVigo). O
CPEIG considera que a tecnoloxía é unha ferramenta fundamental para alcanzar os
dezasete ODS de desenvolvemento sostible marcados pola Asemblea da ONU na súa
Axenda 2030, que demostrou a súa transversalidade e como pode catalizar o
avance e desenvolvemento social, económico, de igualdade e cohesión. “Queremos
visibilizar esta faceta social e transversal da tecnoloxía premiando a diversas
organizacións” – sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
O CPEIG premiou á empresa do sector do medio ambiente
Viaqua, que xestiona todos os procesos relacionados co ciclo integral da auga
en Galicia. A compañía integrou os ODS na súa estratexia corporativa ata
convertelos nunha panca de cambio e transformación da empresa para favorecer un
ecosistema urbano sostible, resiliente e próspero. Para axudar nos desafíos da
escaseza de recursos e facer fronte ao cambio climático, Viaqua aposta pola
transformación dixital das operacións e procesos no ámbito da xestión do ciclo
integral da auga e da saúde ambiental para lograr territorios máis sostibles na
súa folla de ruta cara a transición ecolóxica.
Así, Viaqua impulsa en Galicia Dinapsis, rede de hubs de transformación dixital para a xestión da
auga e o medio ambiente promovida por Agbar, grupo empresarial ao que pertence.
Fomenta o desenvolvemento de cidades e municipios intelixentes, resilientes e
verdes, coa incorporación de novas tecnoloxías, como o Internet of things, os
xemelgos dixitais, o Big Data, a Intelixencia Artificial, o computer vision ou
o machine learning destinados a incrementar a eficiencia na prestación de
servizos e mellorar o rendemento de todos os activos que forman parte das
infraestruturas.
Segundo explica a empresa, a combinación desta tecnoloxía e
o coñecemento avanzado da operación, denominado intelixencia operacional,
permite perfeccionar a xestión dos recursos en tempo real, anticiparse ás
posibles crises, optimizar os investimentos a medio prazo, e desenvolver novas
solucións mediante a colaboración con terceiros vía os labs de innovación, con startups, universidades, administracións,
centros de investigación ou empresas. Dentro desta rede, formúlanse tres áreas
de solucións dixitais: Dinapsis for Water para optimizar o ciclo da auga,
Dinapsis for City para acelerar e mellorar a transición ecolóxica das cidade e
pequenos núcleos de poboación, e Dinapsis Circular Economy para axudar ás
industriais a ser máis sostibles.
O director xeral de Viaqua, Marcos Martín, que recollerá na
gala de A NOITE o premio, explica que o despregue da estratexia Dinapsis a
nivel nacional ten, de momento, como resultados un aforro da emisión de 5.497
toneladas de dióxido de carbono, o tratamento anual de máis dun billón de
litros de auga residual, 24 megavatios de biogás xerado ao ano, máis de 4.000
sensores controlados na rede, máis de 7.000 estacións de capturas de datos,
máis de 67.000 quilómetros de rede sensorizada, máis de 2 millóns de contadores
de telelectura instalados, 10 algoritmos predictivos deseñados para controlar
os procesos operativos clave no ciclo integral da auga, e 4,5 millóns de litros
ao ano aforrados coa xestión dixital de consumos.
O grupo SING da UVigo desenvolveu nos últimos dezaseis anos numerosas aplicacións en bioinformática
A outra entidade premiada nesta nova categoría é o grupo SING, Sistemas Informáticos de Nova
Xeración da Universidade de Vigo (UVigo), formado por investigadores da
Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense, integrado
no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo e que forma parte do Instituto
de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).
O grupo SING traballa en varias liñas de investigación,
enmarcadas en bioinformática (co desenvolvemento de múltiples ferramentas, a
maioría software libre, de análise de datos biolóxicos en xenómica, proteómica,
farmacoxenómica, etc); a análise intelixente de textos biomédicos (biomedical
text mining); bioinformática traslacional (ferramenta PanDrugs); enxeñaría
biomédica (proxecto PolyDeep); e informática médica (proxecto InNoCBR),
empregando en moitas destas liñas Intelixencia Artificial (Aprendizaxe
Automático, Aprendizaxe Profundo) e facendo desenvolvementos de enxeñaría de
software avanzados (aplicacións cliente/servidor, frameworks e librerías
propias).
Coordinado polo catedrático Florentino Fernández-Riverola, o
grupo SING está formado por nove investigadores principais da ESEI da UVigo,
aos que se suman investigadores contratados de predoutroramento e
postdoutoramento. “A nosa misión é a aplicación de técnicas de Intelixencia
Artificial (IA) e Minería de Texto (TM), xunto coas Tecnoloxías da Información
e as Comunicacións (TIC) para resolver problemas nos dominios da biomedicina e
a seguridade informática, e establecer colaboracións sólidas e de longo prazo
con empresas nacionais e internacionais, centros de investigación de renome,
así como con hospitais e empresas TIC da contorna” – explica Riverola–.
O grupo de investigación desenvolveu nos últimos dezaseis
anos numerosas aplicacións en bioinformática. Destaca a ferramenta PanDrugs,
desenvolta polos investigadores do SING e profesores da ESEI da UVigo, Miguel
Reboiro Jato e Daniel González Peña, en colaboración co Centro Nacional de
Investigaciones Oncológicas (CNIO). Proporciona unha plataforma bioinformática
para priorizar os tratamentos farmacológicos contra o cancro de acordo cos
datos xenómicos individuais.
Sobresae tamén o proxecto InNoCBR, no que interveñen como
investigadores principais Daniel González Peña e María Sande Meijide do
Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU). Trátase dun programa
pioneiro de vixilancia para a detección de infeccións no ámbito hospitalario a
través dun software que aplica a IA para buscar e clasificar casos de infección
nosocomial.
Outro dos proxectos sinalados é o PolyDeep, un sistema de IA
capaz de detectar e clasificar pólipos colorrectais en tempo real, onde os
investigadores principais foron Daniel González Peña e Miguel Reboiro Jato, en
colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, concretamente
co grupo GIODO (Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense),
coordinado por Joaquín Cubiella Fernández.
Desenvolveron un sistema de apoio que busca mellorar a
detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as
colonoscopias, redundando non só na mellora do diagnóstico e tratamento do
paciente, senón no potencial aforro de custos en forma de reseccións ou
biopsias innecesarias. Permite ademais a clasificación automática dos pólipos colorrectais,
de xeito que o modelo avisa ao endoscopista durante a exploración da presenza
de pólipos pero tamén do tipo de pólipo detectado. No marco deste proxecto os
investigadores crearon un amplo banco de imaxes e vídeos de colonoscopias con
información histolóxica e de localización de pólipos que está dispoñible para a
comunidade científica a través do Biobanco do Instituto de Investigación
Sanitaria Galicia Sur. Actualmente, o grupo continua con PolyDeepAdvance, no
que se levará a cabo unha validación clínica ampla e un plan de acceso ó
mercado.
Moitas destas ferramentas están en servidores propios do
grupo dentro do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da
UVigo, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. Ademais, SING foi
Grupo de Referencia Competitiva (GRC) da Xunta de Galicia entre 2019 e 2021, e
actualmente ten solicitada a renovación desta importante distinción.