O CPEIG celebra o Día da Protección de Datos con ciberconsellos e cunha nova edición do seu concurso literario

mércores, 26 de xaneiro do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día Europeo da Protección de Datos que se celebra este venres 28 de xaneiro, ofrece á sociedade unha serie de “ciberconsellos para facer un uso seguro da tecnoloxía”. Fernando Suárez, presidente do CPEIG, considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos.
Estas recomendacións, explica o consello, pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consellos xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:
• Non interactuar con arquivos adxuntos procedentes de correos sospeitosos.
• Manter o sistema operativo actualizado (software, antivirus...) e non descargar aplicacións estrañas.
• Non conectarse a redes públicas e, no seu lugar, empregar unha rede privada virtual (VPN).
• Axustar a privacidade dos perfís en redes sociais.
• Aplicar cautela á hora de conectar dispositivos extraíbeis a un equipo cando proveñen de terceiros.
• Avisar dos incidentes de seguridade.
• Saber que ata os smartphones apagados poden ser rastrexados.
• Manter todos os plugins e extensións do navegador actualizados.
• Usar contrasinais complexos e únicos.
• Eliminar documentación sensíbel dos dispositivos mediante ferramentas de borrado seguro.
Concurso Literario Infantil e Xuvenil
Seguindo o fío da dita celebración deste 28 de xaneiro, o CPEIG e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, convocaron o VI Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos.
Está dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO.
Ambas as dúas institucións consideran “de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Sinalan que “actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia da salvagarda da información, a comunicación e os sistemas”.
Nas bases estipúlase que as e os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega.
Estes traballos deberán responder a preguntas como as seguintes:
-Que é para ti a protección de datos?
-Como afecta no teu día a día?
-Como podo protexer os meus datos?
Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes, na do CPEIG e na da Xunta.

PUBLICIDADE