O CPEIG e AMTEGA inician o mércores un curso en liña de introdución a Blockchain

luns, 4 de outubro do 2021 Marcus Fernández

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a AMTEGA inician o mércores día 6 un curso en liña de introdución á tecnoloxía Blockchain xunto co resto de Tecnoloxías de Rexistro Distribuído (DLT) desde cero, tanto nos seus fundamentos básicos como na súa aplicación práctica, en colaboración con Alastria (asociación que fomenta a economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías de rexistro descentralizadas/Blockchain) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVigo).
BlockChain é unha tecnoloxía disruptiva que abre as portas a novos modelos de negocio, aporta confianza e automatiza procesos empresariais de todos os sectores, como acortar os pagos internacionais de días a horas, dar trazabilidade ás cadeas de subministro, chegando mesmo en algúns procesos a aforrar ata o 90% de custes de xestión de transporte e loxística.
A tecnoloxía BlockChain (cadea de bloques) e resto das DLT son como un xigantesco libro de rexistros que recolle todos os datos dun intercambio con valor. Este gran libro está gardado de forma descentralizada nos nodos (ordenadores) da rede utilizada polo sistema, coa peculiaridade de que a información se replica por igual en todos os nodos.
A formación, que se estenderá ata o 29 de outubro para un máximo de 60 participantes, estará impartida por Luis Garvía, profesor de Fundamentos de Blockchain e membro de Alastria; Wladimiro Navarro, CTO fundador de Finweg; Antonio Rodríguez, creador dunha ferramenta para anticipar o éxito da tecnoloxía Blockchain nunha empresa; Raúl López, supervisor e impulsor proxectos baseados nesta tecnoloxía en múltiples sectores e países como Director Blockchain Lab mundial de Grant Thornton; e Óscar Lage, responsable Blockchain e de Investigación en Tecnalia. Nas sesións expoñerán o programa do curso e falarán dos fundamentos do Blockchain, as cuestións técnicas desta tecnoloxía, o financiamento, as aplicacións e a converxencia de Blockchain con outras tecnoloxías. Realizarase unha preinscripción, aberta até o luns 4 ás 23 horas.

PUBLICIDADE