O CPEIG organiza a partir deste sábado un curso intensivo sobre peritaxe informática

xoves, 19 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue adiante co seu traballo de formación interna destinado á acadar a meirande participación dos seus membros en sectores non directa nin exclusivamente ligados aos dixitais. Nesta mesma liña insírese, precisamente, o Curso de Peritaxes e Informática Forense 2009 que comeza este venres no Hotel Porta do Camiño de Compostela. A actividade, que ten continuidade o sábado seguinte e a vindeira fin de semana, contará coa presenza de especialistas de renome no eido da divulgación e de arredor de 40 persoas inscritas: enxeñeiras e enxeñeiras en informática que terán unha boa oportunidade de formarse na realización de peritaxes. O obxectivo do Corpo Oficial de Peritos (COP) do CPEIG é cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido polo artigo 335 da Lei de Enxuizamento Civil e de acordo co estipulado nos estatutos do Colexio.
Segundo informa o CPEIG, cidadáns e empresas poden acollerse a este servizo en casos penais, civís, sociais, particulares e seguros, entre outros. E engade: “Os resultados da peritaxe informática dan como resultado un informe pericial que é o documento redactado polo perito informático, no que se expoñen as conclusións obtidas polo experto trala investigación dun caso”.
Deste xeito, prosegue, o informe contribúe a precisar se o incidente do que se sospeita se levou a cabo ou non, a procurar probas que poidan aclarar cómo se produciu ese feito ou a recuperar datos que estean perdidos. Neste senso e co fin de aclarar a natureza exacta destes traballos, cómpre dicir que os labores do dito COP poden ligarse ao achado de segredos ou espionaxe industrial, delitos económicos contra o mercado ou os consumidores por medio de canles informáticas, delitos contra a propiedade industrial ou ben intelectual, vulneración da intimidade ou lectura de correo electrónico.
Para poder facer uso do servizo de peritaxe do CPEIG, as persoas que estean interesadas poden contactar coa Comisión de Peritaxes a través do sitio web do Colexio ou ben mediante o teléfono 981 553 355.
Relatores e programa do curso
Venres 20 novembro (17:00 - 21:00)
· Cristina Nebot. Avogada e socia de Pintos & Salgado, bufete especializado na achega de solucións xurídicas no ámbito das novas tecnoloxías.
Sábado 21 novembro (10:00 - 18:00)
· Eduard Elías i Vila. Enxeñeiro en Informática. Ex-presidente do Colegio de Ingenieros en Informática de Cataluña e do CCII. Perito informático con ampla experiencia.
Sábado 21 novembro (18:00 - 20:00)
· Mesa redonda con Eduard Elías, Juan Otero (doutor en Informática, secretario de AEIG, membro da Comisión de Promoción da Profesión do CPEIG e perito informático), Antón Campos (enxeñeiro en Informática, membro da Xunta de Goberno da AEIG, vicetesoureiro do CPEIG e perito informático). Moderador: Ángel Fernández Gándara (enxeñeiro en Informática, vicesecretario do CPEIG e presidente da Comisión de Peritaxes do colexio).
Venres 27 novembro (17:00 - 21:00)
· Javier Pagés. Enxeñeiro en Informática, presidente de AI2 (Federación Nacional de Asociaciones de Ingenieros en Informática), membro da executiva do CCII e de varias asociacións entre as que destacan Infoperitos (Grupo de Peritos Informáticos de AI2 Madrid) e ISSA-España (Information Systems Security Association, capítulo Español de ISSA, Asociación Profesional Internacional especializada en la Seguridad de los Sistemas Informáticos). Perito con máis de 10 anos de experiencia e numerosos cursos impartidos.
Sábado 28 de novembro (9:30 -13:30)
· Luis María Uriarte. Avogado. Actualmente é fiscal da Audiencia
Provincial de Pontevedra e membro do Consejo Fiscal, órgano de Goberno do Ministerio Público. Autor de distintos libros.
· Antonio Piña Alonso. Xuíz decano de Ourense.
· Mesa redonda moderada por Fernando Suárez (enxeñeiro en Informática e presidente do CPEIG).

PUBLICIDADE