O CPETIG organiza un curso sobre peritaxes e informática forense

martes, 18 de outubro do 2011 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), está estes días a organizar un curso sobre Peritaxes e Informática Forense, que se celebrará os vindeiros 4 e 5 de novembro en Santiago de Compostela, para formar aos profesionais deste sector no uso das novas tecnoloxías aplicadas á xustiza.
As persoas destinatarias deste ciclo son inicialmente enxeñeiros técnicos e enxeñeiros en informática ou estudantes destas titulacións, porén poderán asistir, previa inscrición, calquera persoa interesada nas últimas técnicas de análise forense e práctica pericial, así como nos últimos avances de práctica procesal e valor probatorio das evidencias.
Con esta acción formativa, os responsables do CPETIG pretenden, asemade, dar a coñecer a última normativa legal desta materia relacionada co campo da informática, así como aumentar a valoración e o recoñecemento profesional dos profesionais enxeñeiros e enxeñeiros técnicos de Galicia por parte da sociedade.
O curso, que terá lugar no Gran Hotel de Santiago, dispón de 50 prazas, as cales se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición.
A acción formativa ten unha duración de 12 horas e inclúe dous módulos diferenciados en cada unha das dúas xornadas das que consta o ciclo. En palabras do CPETIG “é necesario crear e formar expertos que poidan servir de axudas aos xuíces á hora de tomar unha decisión nun caso”. “Estes expertos”, engaden, “deben coñecer as últimas técnicas probatorias e o valor das mesmas, manter un elevado nivel de instrución e coñecementos sobre os avances técnicos e legais”.
O programa inclúe, na primeira xornada, a intervención da empresa especializada Informatica64, que a través de demostracións prácticas, fará unha aproximación á análise forense que se pode realizar, por exemplo, nun sistema operativo, nun dispositivo móbil ou mesmo a partir do tráfico de rede que circula nun equipo.
Xa na segunda xornada, intervirán como convidados os responsables do bufete especializado Pintos&Salgado, así como o perito do Corpo Oficial de Peritos do CPETIG, Miguel Abal, quen abordará a normativa aplicable e unha aproximación práctica á elaboración dun informe pericial.
Ademais, durante os 15 días posteriores á finalización do curso, as persoas asistentes que teñan algunha dúbida ao respecto, poderán consultala cos contactos que lles proporcionen os relatores durante o curso, os cales proporcionarán, asemade, os medios de contacto axeitados para canalizar as devanditas dúbidas ben sexan técnicas ou teóricas.

PUBLICIDADE