O CPETIG organiza un curso sobre Oficina de Xestión de Proxectos (PMO)

martes, 14 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) está a organizar un obradoiro de xestión de proxectos con base eminentemente práctica, que se celebrará os vindeiros días 9 e 10 de marzo no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.
O curso formativo, que está aberto a todas aquelas persoas interesadas na xestión integral de proxectos, sexan ou non profesionais do eido, será impartido polo prestixioso formador José Luis Iparraguirre, o primeiro español en obter a certificación High Maturity Lead Appraiser polo Software Engineering Institute e certificado para avaliacións dos niveis 4 e 5 de CMMI.
O relator convidado conta cunha gran experiencia impartindo cursos por todo o mundo sobre CMMI, Ampliación da Constelación de Servizos e Ampliación da Constelación de Adquisición, entre outras cousas; e asemade, levou a cabo a realización de diagnósticos SCAMPI clase A en máis de 50 compañías.
Nesta xornada formativa, Iparraguirre aproveitará a súa ampla experiencia profesional como responsable da implantación de proxectos deste eido en numerosas empresas a nivel nacional e internacional (como poden ser GFT Iberia, Caixa Galicia ou Telefónica I+D), para expor casos reais de PMOs nos que participou directamente, tanto na definición conceptual da súa estrutura de traballo, como na operación das mesmas.
Ao longo das dúas xornadas as persoas asistentes poderán debater, asemade, sobre os factores de éxito dunha PMO e as distintas orientacións que o traballo destas pode ter, en función dos obxectivos definidos para as mesmas, que poderán ir: dende unha PMO orientada ao reporte, na que primará a captura e integración dos datos, ata unha PMO orientada á previsión do cumprimento dos obxectivos de negocio, na que se utilizarán técnicas avanzadas de modelización do comportamento da organización.
O programa do curso abordará catro partes ben diferenciadas nas que, entre outras cousas, se fará un repaso dos obxectivos dunha PMO, e se dará a coñecer a importancia dun PMO no control de proxectos.
O ciclo formativo completarase cun completo repaso sobre o papel da PMO como axente de comunicación e cun apartado dedicado a recomendacións prácticas aos asistentes.
As persoas interesadas en asistir (ata un máximo de 15) ben sexan profesionais que traballan nunha PMO ou nunha contorna similar na que o seu traballo sexa monitorizado por unha PMO, ou persoas que poidan verse no escenario de definir a operativa dunha xestión de proxectos, poderán asistir libremente, enviando por correo electrónico (á dirección oficinaproxectos@cpetig.org) o formulario de inscrición que se achega na web do CPETIG, debidamente cumprimentado.
O prezo da matrícula ordinaria é de 350 euros por persoa; 250 euros no caso de seren estudantes de informática da USC, UDC e UVIGO; e 90 euros para colexiados ou persoas con compromiso de colexiación.

PUBLICIDADE