O CXG organiza un curso para exercer de relacións públicas pola Rede

mércores, 16 de abril do 2008 Raquel Noya

O Consello da Xuventude de Galicia vén de anunciar o comezo dos novos cursos formativos dirixidos a mozos e mozas galegas que promove a entidade e que terán lugar, coma tódolos anos, a través da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), antes chamado Rede de Aulas Multimedia, en tres accións formativas distintas, con inicio en maio, finais de setembro e novembro.
O primeiro dos cursos, Como ser Relacións Públicas na Rede, dará comezo o vindeiro día 6 de maio e realizarase nos telecentros de comunicación de Santiago (CMG), Lugo (APL), A Coruña (BPMGG), Vigo (Concello) e Monterroso.
Tódolos cursos formativos, que son de balde, terán unha duración total de 120 horas en aula, con horario de luns a xoves, de 9:00 a 14:00 horas. En tódalas sesións establecerase unha titoría en liña, que continuará un mes máis posterior ao remate de cada curso.
As competencias que se traballarán nos ditos talleres integran perfís profesionais de responsable de relacións públicas na rede, xestor de imaxe en contornos virtuais, técnico auxiliar de márketing electrónico e webmaster de contidos para Internet.
Segundo a presidenta do CXG, María Dolores Rodríguez Amoroso, “este proxecto nace coa vocación práctica de mellorar a empregabilidade, cualificando os participantes en funcións propias de novos xacementos de emprego de crecente demanda relacionadas co desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC)”.
Os interesados en participar deberán inscribirse na web do Centro Multimedia de Galicia, no apartado de cursos.

PUBLICIDADE