O Centro Demostrador TIC dá acubillo o día 26 a un seminario sobre Google Apps para as nosas PEME
luns, 24 de febreiro do 2014- A empresa Redegal será a encargada de impartir as sesións
Seguimos a falar de
aplicacións, das súas vantaxes e dos xeitos de poñernos ao día en
materia de desenvolvemento destas ferramentas. Unha cuestión, por
certo, que vén moi a conto tendo en conta o
importante potencial de negocio que amosa este sector do deseño de
ferramentas para o móbil. Pois ben, non é preciso irnos lonxe
para formarnos nestas materias, xa
que por unha banda temos ao CNTG poñéndonos ao día en materia de
recursos para iOS e, pola outra, ao Centro Demostrador TIC
(emprazado tamén no CNTG) argallando un seminario sobre as
utilidades das Google Apps para pequenas e medianas empresas. Esta
actividade (Google
Apps para PEME) vén da man da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e desenvólvese o mércores 26 de
febreiro.
O obxectivo deste
obradoiro, a desenvolver de 10:00h a 14:00 horas, é achegar aos
profesionais galegos as distintas utilidades que ofrecen as
aplicacións do buscador, “unha suite baseada no modelo de
computación na nube que arestora xa empregan máis de 5 millóns de
empresas en todo o mundo”, informa AMTEGA. O seminario será
impartido pola empresa ourensá Redegal,
socia oficial de Google Apps, que conta cunha ampla experiencia na
implantación desta solución, e mesmo en materia de divulgación na
nosa terra, tal
e como temos reflectido polo miúdo dende Código Cero. Para este
seminario, a empresa galega acompañarase de diversas firmas da nosa
xeografía que xa teñen implantado Google Apps no seu negocio e que
compartirán con todos os asistentes a súa experiencia no uso destas
ferramentas.
Segundo apunta AMTEGA,
“as solicitudes para asistir en persoa a este seminario superaron
amplamente o número inicial de prazas ofertadas, o que da conta da
boa acollida entre o tecido empresarial galego”. Para superar estes
atrancos físicos e de dispoñibilidade dos interesados, o evento
será transmitido por videoconferencia ás aulas CeMIT.
Lembrar que as Google
Apps son unha opción moi tenda en conta por profesionais de todo o
mundo para levar as empresas de seu á nube. Achega ferramentas e
servizos como Gmail, Google Calendar, Google Drive ou Google Sites.
Este paquete fornece a maiores múltiples utilidades, “como poden
ser a creación de documentos e calendarios, facendo especial fincapé
en compartir estes con outros usuarios, ou traballar de forma
colaborativa desde calquera lugar ou dispositivo”, explica AMTEGA.