O Centro de Dinamización de Mondoñedo remata outubro con 20 usuarios/as máis

xoves, 5 de novembro do 2009 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información na súa continua teima por levar as novas tecnoloxías a cada recuncho do noso país, non deixou en outubro de incorporar novos usuarios e usuarias aos seus Centros espallados por toda Galicia e, en especial ao de Mondoñedo, que inscribiu no mes que recén rematou un total de 20 novas persoas, unha cifra destacable se temos en conta que cada vez son máis (afortunadamente) as persoas que teñen Internet nos seus fogares e non teñen que desprazarse ata as aulas da Rede de Dinamización para facer uso deste servizo.
O motivo que levou a tantos usuarios e usuarias e inscribirse neste Centro foron os 4 obradoiros tecnolóxicos que se levaron a cabo nas instalacións da Rede en Mondoñedo ao longo de 44 horas, nas que se formaron a 21 persoas.
Os obradoiros impartidos este mes foron Iniciación á Informática, Iniciación a Internet, Creación dunha conta de correo de correo electrónico e Procesador de textos: Writer. Cabe tamén destacar a charla levada a cabo polo dinamizador Alejandro Rancaño, A nosa vila en Internet, na que participaron os e as asistentes facendo eles mesmos procuras na Rede.
En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello, foron xa 243 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 67 obradoiros nos que se formou a 333 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 4 charlas, 2 iniciativas e 2 xornadas, nas que participaron unhas 100 persoas.

PUBLICIDADE