O Centro de Resposta a Incidencias da Seguridade da Información entra na rede estatal impulsada polo CCN

venres, 30 de setembro do 2022 S. P.

O Centro de Resposta a Incidentes da Seguridade da Información de Galicia (CSIRT.gal), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), integrouse formalmente na Rede Nacional de Centros de Operacións de Ciberseguridade (RNS) impulsada polo Centro Criptolóxico Nacional (CCN). A dita rede encárgase da colaboración e o intercambio de información entre todos os Centros de Operacións de Ciberseguridade (SOC) das distintas administracións. A finalidade é “mellorar as capacidades nacionais de defensa, detección e resposta a posibles ciberincidentes”. Tamén actuará como enlace cos diferentes SOC europeos.
Segundo explica AMTEGA, Galicia é a sexta comunidade autónoma que se integra na rede, da que tamén forman parte organismos dependentes dos gobernos de Madrid, Comunidade Valenciana, Aragón, Rexión de Murcia e Canarias. Tamén forman parte dela concellos como o da Coruña, deputacións provinciais, empresas e a Secretaría Xeral de Administración Dixital dependente da Vicepresidencia Primeira do Goberno.
“A entrada do CSIRT.gal na rede nacional complementa as medidas que puxo en marcha a Xunta para facer fronte aos novos retos de ciberseguridade, con investimentos que se achegan aos 18 millóns de euros e que inclúen a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia”, explican fontes da axencia galega, salientando que en marzo de 2020, a Xunta puxo en marcha o Nodo de Ciberseguridade Ciber.gal, que “converteu a Galicia na primeira Comunidade en dispoñer dunha estrutura de cooperación público-privada nesta materia”.
Na súa constitución, ademais do Goberno autonómico, participaron o Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde entón, ademais, estanse a sumar ao nodo unhas 40 entidades privadas e as tres universidades galegas.
Entre as actividades promovidas polo Nodo Ciber.gal atópase a organización do II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os vindeiros 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia. A esta cita poderán acudir, de xeito gratuíto, estudantes, pais, titores, avós, profesionais do tecido empresarial galego e tamén das Administracións.

PUBLICIDADE