O Chanfaina Lab recibe o XI Premio José Sellier da Academia do Audiovisual

luns, 5 de decembro do 2022 S. P.

A Academia Galega do Audiovisual entregou o Premio Especial José Sellier ao Chanfaina Lab, nun acto celebrado no Teatro Colón da Coruña. Como lembraremos, o Chanfaina Lab é un programa de quedadas e obradoiros de aprendizaxe e colaboración mutua do que xa saíron desde 2014 un total de 125 curtametraxes, algunhas premiadas en festivais de ámbito estatal e internacional. O seu obxectivo é reivindicar e revitalizar o rural a través dos novos formatos e as novas canles. Baséase no uso colaborativo das ferramentas tecnoloxías para todos os elos da cadea de creación, promoción e distribución audiovisual e está impulsado polo Concello de San Sadurniño. O alcalde, Secundino García, foi a persoa encargada de recoller o trofeo da mans de Alfredo e Marta Sellier, descendentes do cineasta que lle dá nome ao premio.
Ana Míguez, en representación da xunta directiva da Academia, quixo lembrar no seu discurso ás persoas que fan posibles as iniciativas galardoadas co Premio Sellier “desde a paixón, o compromiso, o entusiasmo, a militancia e, sobre todo, o traballo, enriquecen un sector do que nos sentimos tan orgullosas.”
Tal e como destaca a Academia na nota de prensa remitida aos medios, San Sadurniño e o Chanfaina Lab son “punto de encontro das creadoras e creadores audiovisuais convidados en cada edición a gravar unha curtametraxe que debe desenvolverse no concello coruñés. En febreiro os filmes son proxectados nun acto público coa asistencia dos autores e a veciñanza do concello”.
A Deputación de Coruña estivo representada por Xurxo Couto, o deputado de Cultura, quen definiu a iniciativa como “un exemplo” a San Sadurniño e destacou que o Chanfaina Lab “é un referente no eido das boas prácticas de como facer un festival”.
O Concello da Coruña, entidade cuxo apoio fai posíbel a celebración deste evento, estivo representado polo primeiro tenente de alcaldesa Juan Ignacio Borrego, que foi a persoa encargada de pechar o acto, resaltando a “explosión audiovisual” que se está a vivir na Coruña, grazas, entre outras, a actividades como as da Academia por “achegar o cine ao pobo e achegar ao pobo ó cine”.
Despois da entrega do galardón celebrouse unha proxección de curtametraxes realizadas ao abeiro do Chanfaina Lab por creadoras e creadores de San Sadurniño: Boniatos no pais do sol poniente, de Carmen Couce, Carme Bouza, Lucia Pita, Consuelo Picos e Cruz Piñón; Cando ruxe o formigueiro de Abel Vega; Un ninguén máis de Ángela Arnosa; O meu traxecto ao cole de Pablo Martínez; Romero Trae de Fran Bermúdez e Non teño dono de Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo.
O trofeo do Premio Sellier, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, reproduce a cámara Lumiere coa que José Sellier gravou as súas películas na cidade da Coruña.

PUBLICIDADE