O Clúster TIC Galicia celebra a súa asemblea ordinaria co maior incremento de socios da súa historia

xoves, 17 de xuño do 2021 S. P.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia

O Clúster TIC Galicia celebra este 17 de xuño a súa asemblea ordinaria, no edificio CINC da Cidade da Cultura. Faino ademais apoiado polo “maior incremento de socios da súa historia” (con 15 novas incorporacións dende a última asemblea, celebrada o 30 de setembro do ano pasado) e cun amplo apoio aos proxectos recentes da entidade, como o impulso á conversión da antiga Fábrica de Armas da Coruña na Cidade das TIC ou as medidas para avanzar na internacionalización das empresas galegas.
Durante a asemblea, que se poderá seguir de forma presencial ou en remoto, presentarase perante os socios o informe económico de xestión do 2020, así como o orzamento e a proposta de actividades deste ano para a súa aprobación. Asemade, exporanse os últimos progresos e os vindeiros pasos para avanzar na Cidade das TIC, en palabras do Clúster “un proxecto estratéxico para o futuro da entidade” e que, segundo reflicte, “está a acadar unha resposta moi positiva por parte do tecido empresarial TIC galego”. A organización empresarial lembra que o dito interese ficou patente “na alta demanda de espazos rexistrada na primeira convocatoria para ocupar o Centro de Servizos Avanzados, para o que se conseguiu un financiamento de 4,8 millóns de euros”.
Neste último ano, o Clúster TIC Galicia concentrou os seus esforzos en levar a cabo accións centradas en fortalecer o sector e impulsar a transformación dixital das empresas galegas a través da participación activa nos hubs de innovación dixital Dihgigal e DATAlife. Tamén, fixo especial fincapé na capacitación de perfís tecnolóxicos a través de iniciativas propias, colaboracións público-privadas e coa participación no Campus Dual para resolver “a preocupante diferencia entre a oferta e a demanda de profesionais do sector”.
Actualmente, o Clúster TIC Galicia está conformado por cento quince socios, entre grandes empresas (14), pemes (80), emprendedores (19), centros tecnolóxicos (2) e colexios e asociacións profesionais (1), que supoñen unha facturación conxunta de máis de 780 millóns de euros e un total de 11.785 traballadores.


PUBLICIDADE