O Clúster TIC Galicia formaliza acordos con Inversa, Solred e PuntoGal

martes, 2 de marzo do 2021 S. P.

JPEG - 55.2 KB
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia

O Clúster TIC Galicia comezou este mes de marzo informando dunha serie de acordos con Solred, PuntoGal e Inversa Invoice Market, alianzas de importante utilidade para os socios do Clúster, xa que lles porán ao alcance da man liñas de financiamento vantaxosas e importantes descontos nos prezos dos combustíbeis e dos dominios galegos (.gal).
Por unha banda, a entidade formalizou un concerto con Inversa Invoice Market para ofrecer liñas de financiamento ás empresas socias coas que dar resposta ás súas necesidades de liquidez a curto prazo e cunhas condicións vantaxosas a través da metodoloxía do crowdfactoring.
Por outra banda, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o representante de Solred en Galicia, José María Suárez-Vence, asinaron un acordo polo que todos os membros da entidade terán acceso a importantes descontos nos prezos do gasóleo, gasolina e gas. “Este convenio”, informou o Clúster, “ten a particularidade de que se fai extensíbel tanto aos socios que se dean de alta por primeira vez na tarxeta como aos que xa a teñan”. A entidade empresarial tamén fai saber que as tarxetas Solred pódense usar en todas as estacións de servizo do Grupo Repsol, é dicir, nas das marcas Repsol, Campsa e Petronor.
Así mesmo, PuntoGal, que promove o uso e o espallamento do dominio galego, vén tamén de asinar un acordo co Clúster, polo que todos os asociados poderán obter un .gal por un máximo de 13 euros máis IVE. Os rexistros faranse coas empresas Dinahosting e Entorno digital. O único limite desta promoción é que só se poderá facer ata un máximo de 500 dominios.

PUBLICIDADE