O Colexio de Atín-Cela de Mos e o Instituto de Cotobade, gañadores do 5º certame de podcast O Vello dos contos
xoves, 8 de xuño do 2023
Este
martes 6 de xuño celebrouse
o acto de entrega dos V Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez, O
Vello dos contos. De entre os máis de 70
traballos recibidos, resultaron gañadores o Colexio de Atín-Cela de
Mos e o Instituto de Cotobade, en Cerdedo-Cotobade, ambos na
provincia de Pontevedra. Ademais, en Primaria recibiron o segundo e
terceiro premio os colexios Mestre Valverde Mayo e o San Martiño,
tamén de Pontevedra. Pola súa parte, o Instituto de Foz, en Lugo, e
o Colexio Divino Salvador de Vigo, recibiron, respectivamente, o
segundo e terceiro premio de Secundaria.
No
acto participaron entre outras personalidades o secretario xeral de
Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da
Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
O
certame O Vello dos contos, organizado polo IES Plurilingüe
Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e
o colectivo Ponte… nas Ondas, co apoio da Xunta (a través de
Política Lingüística), impulsa a produción e difusión de
material audiovisual en galego e portugués ao tempo que recorda e
homenaxea a figura de Xose Mosquera, locutor radiofónico, profesor e
galeguista que popularizou o personaxe O Vello dos contos na
radio compostelá.
Concorre
nestes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de
educación Primaria (de 5º e 6º cursos) e Secundaria de Galicia,
así como outros centros de ensino non universitario de Galicia e
aqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel,
fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, o certame está aberto ao
alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.
Aspiraron
aos galardóns podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e
obra e Francisco Fernández del Riego, o autor a quen se lle dedicou
o Día das Letras Galegas en 2023, ou con outros aspectos do
patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de
Portugal, cunha duración máxima de tres minutos.