O Concello de Ames solicita colaboración veciñal para levar a fibra ao rural
mércores, 16 de marzo do 2022
Dende o
Concello de Ames puxéronse en contacto coas asociacións veciñais
do municipio para coñecer o estado actual do despregue de fibra
óptica nas distintas parroquias do rural. O obxectivo é
“coñecer en que zonas a veciñanza non conta cun servizo de rede
indispensábel para o traballo ou estudos, e solicitar ás empresas
que correspondan que se realice dita instalación”, sinalaron
fontes do Consistorio.
O alcalde de Ames, Blas García, indicou “que a colaboración das
asociacións veciñais é necesaria e esencial para poder contar
cunha conexión de calidade que permita desenvolver o traballo ou
estudos con normalidade dentro da vida no rural”. Recoñeceu tamén
que o Goberno municipal é “consciente da necesidade de sacar
adiante todas as accións que se atopen dentro das súas
posibilidades”, e solicitou o apoio das asociacións para que
acheguen información respecto aos lugares da súa parroquia nos
cales aínda non chegou a fibra óptica.
Pódese presentar dita información a través do correo electrónico
gabinete@concellodeames.gal ata o
18 de marzo (inclusive). Para resolver calquera dúbida ao respecto
pódese chamar ao número de teléfono 881 07 47 30 ou escribir un
correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.